– O Servizo de Normalización Lingüística do Concello organiza nos colexios do municipio un total de 10 sesións de contos musicados e ilustrados baixo o título “As legras de Begoña”, a cargo do “Colectivo Xurelo”.
– A alcaldesa, Digna Rivas, destacou o formato “visual e dinámico” dos contos con ilustracións e música en directo, o que fai que a actividade sexa “moi atractiva para nenos e nenas”. Hoxe comezaron nos CEIP Outeiro das Penas e Porto Cabeiro, e continuarán nos vindeiros días no resto de centros.
As actividades programadas polo Concello de Redondela co gallo do Día das Letras Galegas continúan en marcha co obxectivo de dar a coñecer a vida e a obra de Begoña Caamaño, a autora homenaxeada este ano. Con este propósito, o Servizo de Normalización Lingüística que dirixe a alcaldesa, Digna Rivas, organiza un ciclo de contacontos musicados e ilustrados que percorrerá os centros educativos do municipio.
As sesións corren a cargo de “Colectivo Xurelo”, grupo herdeiro de “Polo Correo do Vento”. O programa arrancou hoxe mesmo coas primeiras citas no CEIP Outeiro das Penas (Cesantes) e no CEP de Porto Cabeiro. A alcaldesa e o concelleiro de Ensino, Alberto Álvarez, compartiron a xornada co alumnado. En total, levaranse a cabo 10 sesións repartidas polas distintas escolas de Educación Infantil e Primaria do municipio e chegarán a máis de 250 nenos e nenas. As sesións están deseñadas cun formato moi visual e dinámico. “A combinación de narración oral, ilustración en vivo e música en directo fai que a actividade sexa moi atractiva para os nenos e nenas”.
Esta campaña serve como un complemento ideal á programación didáctica realizada previamente nas escolas. Nenos e nenas fixeron co profesorado un traballo de investigación sobre Begoña Caamaño antes da celebración das Legras Galegas, “e demostraron ter moitos coñecementos sobre a autora e tamén sobre o que significa a celebración do 17 de maio”, destacou Rivas. Isto permítelles seguir con moita máis facilidade as funcións de “Colectivo Xurelo”, que achega datos biográficos e literarios logrando así un reforzo lúdico dos seus coñecementos sobre Begoña Caamaño.

