– Ante a imposibilidade de sacar adiante o proxecto con fondos propios pola negativa do pleno, o Goberno local buscou unha alterantiva de financiamento para sacar adiante este proxecto “prioritario” para o Concello. A alcaldesa, Digna Rivas, anunciou onte aos colectivos culturais e á propia familia de Ángel Barros que o Concello obtivo financiamento para a creación do Museo Municipal que albergará a obra do artista redondelán.
A proposta económica do Goberno local recollía unha achega de 466.800 euros de fondos propios do Concello (o 40% do custo total) e o resto do investimento, ata acadar os 1.167.000 euros, con axudas da UE xa aprobadas. O pleno da corporación rexeitou esta posiblidada, polo que o Goberno local buscou unha alternativa, xa que se trata dun proxecto totalmente “prioritario” para o municipio. Digna Rivas anunciou que a execución do museo asumirase a través do programa bianual Plan +Provincia 2026-2027 da Deputación de Pontevedra, garantindo así que a dotación non quede paralizada. A alcaldesa e Roberto Villar, concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, anunciaron onte aos colectivos culturais que impulsaron o museo e á propia familia de Ángel Barros que o Concello obtivo financiamento para a crear o espazo museístico que albergará a obra do artista redondelán. A asociación Amigos de Ángel Barros e o colectivo cultural Alén Nós aplaudiron o anuncio do Concello “para facer realidade esta obra tan agardada”. Amosáronse satisfeitos coas xestións do Goberno local para buscar un financiamento alternativo e agradeceron tamén “o apoio de todas as persoas que asinaron o manifesto de apoio á construción do museo”.
Na imaxe, de esquerda a dereita: Gonzalo Balo e Andrés Laxe, de Alén Nós, a alcaldesa Digna Rivas, a secretaria da Asociación Amigos de Ángel Barros, Noemí Moreira, e o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, no solar no que se construirá o Museo Municipal, situado na avenida Mendiño.