Skip to main content

Concello de Redondela

O programa ‘LAB XOVE’ pecha cunha gran valoración da mocidade e alta participación

A alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Xuventude, Iria Vilaboa, visitaron o obradoiro de Fotografía e Vídeo que imparte Cuchi Carreira.

– O Concello de Redondela destaca o grande interese que espertaron as actividades entre a rapazada e o grao de satisfacción dos obradoiros tecnolóxicos, artísticos e musicais celebrados en xullo.
– Novidades coma os cursos de artesanía en coiro e de iniciación a DJ tiveron unha gran acollida. A alcaldesa, Digna Rivas, anima a mozos e mozas a facer “as súas propias achegas con ideas para novos obradoiros que poidamos facer desde o Concello e que respondan ás súas inquedanzas e intereses”.

O Concello de Redondela fixo hoxe un balance moi positivo do programa de lecer e formación ‘Lab Xove’, desenvolvido ao longo de todo o mes de xullo. Esta iniciativa, deseñada especificamente para mozas e mozos maiores de 12 anos, obtivo unha magnífica acollida e, sobre todo, unha valoración moi positiva por parte das persoas participantes, que destacaron a utilidade e o dinamismo dos cursos.

As actividades celebráronse en horario de mañá (de 10:00 a 13:00 horas). O obxectivo foi ofrecer un espazo de encontro, aprendizaxe e ocio seguro durante as vacacións de verán, un obxectivo cumprido con creces segundo os propios asistentes.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, amosou a súa satisfacción polo desenvolvemento do programa e sinalou que “o éxito destas xornadas demostra que a mocidade do noso Concello ten inquedanzas e ganas de aprender cando se lle ofrecen alternativas públicas de calidade, saudables e adaptadas aos seus gustos”. A rexedora incidiu en que desde o Goberno local “estamos totalmente abertos ás propostas da propia mocidade para dar resposta ás súas inquedanzas e intereses”, polo que aproveitou para “animalos a propoñer novos cursos e actividades que queiran que se desenvolvan desde o Concello”.

Dentro do programa de actividades, as novidades deste ano foron unha peza clave. Pola súa banda, a concelleira de Infancia e Xuventude, Iria Vilaboa, explicou que “o obradoiro de Artesanía en coiro e o de Iniciación a DJ espertaron un enorme interese e tiveron unha acollida excelente, o que confirma o acerto de introducir novos formatos creativos e musicais na axenda deste verán”.

A axenda do ‘Lab Xove’ completouse con Formación técnica en Edición de vídeo e foto, Innovación tecnolóxica con Ferramentas de IA e Expresión artística con Pintura mural. Para rematar, a concelleira Vilaboa destacou o bo ambiente e o grao de implicación en cada un dos talleres celebrados, afirmando que a gran resposta recibida “impúlsanos a seguir traballando dende a Concellería en novas propostas formativas, artísticas e dixitais de cara aos vindeiros meses”.

Compartir