– Ao longo do mes de agosto celébranse roteiros e visitas guiadas gratuítas por diferentes parroquias do municipio para dar a coñecer o patrimonio histórico e natural de Redondela. Son propostas para todos os públicos con guías profesionais que fan máis enriquecedora a experiencia.
– A “Orientaventura Cultural” en Vilar de Infesta, unha ruta botánica pola vila ou os muíños do río Pexegueiro son algunhas das novidades. Os concelleiros Rita Pérez e Roberto Villar salientan o traballo conxunto para ofrecer un lecer “educativo, integrador e respectuoso coa contorna”. Inscricións na Oficina Municipal de Turismo.
O Concello de Redondela presenta a programación dos Roteiros Ambientais e Culturais que se celebrarán en agosto. Tras o éxito acadado en edicións anteriores, no vindeiro mes as propostas amplíanse con novos itinerarios e propostas para o público familiar.
Vilar de Infesta acollerá a actividade “Orientaventura Cultural” (martes 25), unha proposta lúdica dirixida a familias e mozos de entre 10 e 15 anos. O calendario tamén estrea a ruta “Usos das Plantas da Vila” (domingo 9), para descubrir as aplicacións tradicionais da flora local, xunto con interesantes percorridos como “As Pedras de Ventosela” (domingo 9), “Terras de Saxamonde e Vilar de Infesta” (domingo 23) e o roteiro polos muíños do río Pexegueiro (sábado 29).
A concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez, subliñou o compoñente pedagóxico e de identidade destas propostas: “Queremos que a veciñanza e os visitantes se convertan en dinamizadores do noso propio relato histórico. Coa Orientaventura e os novos paseos urbanos abrimos o abano para que a mocidade e as familias descubran o noso patrimonio cultural, que está vivo e accesible para todos”.
Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, fixo fincapé no valor ecolóxico do programa: “Os trazados por Ventosela ou Saxamonde demostran o noso compromiso coa divulgación ambiental e a posta en valor do noso interior. Deseñamos estes dezaseis roteiros para gozar da nosa enorme biodiversidade sen deixar pegada, promovendo un turismo sostible que coida os nosos ríos, montes e o litoral”.
Calendario completo de actividades (Agosto 2026):
• Sábado 1: Paseo nocturno polo río Maceiras (21:00 – 23:00 h).
• Domingo 2: Ruta ambiental “A Intermareal de Cesantes” (10:00 – 13:00 h).
• Martes 4: Visita guiada ao Cemiterio dos Eidos (19:00 – 20:00 h).
• Domingo 9: Ruta ambiental “As Pedras de Ventosela” (09:30 – 13:00 h).
• Domingo 9: Ruta ambiental “Usos das Plantas da Vila” (19:00 – 21:00 h).
• Martes 11: Visita guiada “As Mulleres da Vila: Da Historia á Memoria” (19:00 – 20:00 h).
• Martes 18: Visita guiada ao Cemiterio dos Eidos (19:00 – 20:00 h).
• Venres 21: Kayak turístico á Portela (11:00 – 12:30 h, 20 €).
• Venres 21: Paseo nocturno “Observación Xeográfica, Histórica e Natural da Ría de Vigo” no Miradoiro do Outeiro Grande (20:00 – 22:30 h).
• Domingo 23: Ruta ambiental “Terras de Saxamonde e Vilar de Infesta” (10:00 – 13:00 h).
• Martes 25: Visita guiada “As Mulleres da Vila: Da Historia á Memoria” (19:00 – 20:00 h).
• Martes 25: “Orientaventura Cultural de Vilar de Infesta” (Familias e rapazada de 10 a 15 anos, 19:00 – 21:00 h).
• Sábado 29: Ruta ambiental longa “O Río Pexegueiro” (09:00 – 13:00 h).
• Sábado 29: Visita guiada teatralizada no Museo Meirande (Dous pases: 16:30 e 18:00 h).
• Domingo 30: Ruta ambiental “O Litoral de Soutoxuste” (10:00 – 13:00 h).
• Domingo 30: Kayak na Enseada de San Simón (10:30 – 13:00 h, 20 €).
Inscricións e reservas
A maioría das propostas son gratuítas, fóra das saídas en kayak que teñen un custo de 20 € por persoa. Para garantir a calidade de cada percorrido, todas as actividades teñen prazas limitadas con reserva previa na oficina de Turismo:
• Teléfono de contacto: 986 401 713
• Correo electrónico: turismo@redondela.gal
