Skip to main content

Concello de Redondela

Goberno de España e Concello homenaxean e reparan a memoria dos presos e madriñas do penal de San Simón

– O Secretario de Estado, Fernando Martínez, reivindica o legado de presos e madriñas de San Simón: “Dános forza para seguir defendendo a liberdade, a democracia e os dereitos humanos”.
– A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que o recoñecemento das illas como Lugar de Memoria Democrática é “unha vitoria grazas á constancia e firmeza do pobo de Redondela e dos colectivos memorialistas”. A rexedora esixe “poñer fin aos usos banais deste lugar” e anuncia a inclusión dun Plan de Usos no PXOM.
– Na xornada entregáronse as Declaracións de Recoñecemento e Reparación Persoal a familiares de 28 represaliados e rendeuse tributo ás “madriñas”, mulleres que os auxiliaron durante o seu cativerio.

O Concello de Redondela e o Goberno de España, a través da Secretaría de Estado de Memoria Democrática, celebraron onte unha emotiva e histórica xornada de homenaxe, xustiza e reparación nas illas de San Simón e Santo Antón. O acto, que reuniu a autoridades, colectivos memorialistas e familias das vítimas, serviu para oficializar o descubrimento da placa que acredita o arquipélago como Lugar de Memoria Democrática e para reafirmar o compromiso de Redondela coa dignificación dos represaliados polo franquismo.

O secretario de Estado, Fernando Martínez, reivindicou o legado dos presos e das madriñas que os auxiliaron durante o seu cativerio como un referente para a defensa dos valores democráticos. “Os seus legados dannos forza para seguir defendendo a liberdade, a democracia e os dereitos humanos”, afirmou. Martínez defendeu ademais que “a memoria das vítimas é un dos principais antídotos para combater tantos bulos e mentiras que esparcen os herdeiros do fascismo e da ditadura”. Neste sentido, sinalou que a memoria dos presos e a solidariedade das madriñas constitúen “un magnífico referente para os demócratas e amantes da liberdade”.

Durante a súa intervención, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, amosou o seu “verdadeiro orgullo” por recibir ás familias na illa e fixo fincapé en que este fito institucional “só pode entenderse como unha vitoria dos colectivos memorialísticos e do pobo de Redondela” grazas á súa “constancia e firmeza”. Rivas lembrou que a vila leva décadas traballando na recuperación da memoria, sendo pioneira en 1987 ao colocar a primeira placa do Concello dedicada aos “loitadores antifascistas”. Rivas expresou unha profunda gratitude ás “madriñas”: “Este acto quere visibilizar o papel crucial das mulleres que arriscaron as súas vidas para levar comida, roupa e apoio aos presos. Foron un símbolo da resistencia silenciada, veciñas que teceron coas súas mans unha auténtica rede de solidariedade”.

O acto enmárcase no cumprimento da Lei de Memoria Democrática e nos seus principios de verdade, Xustiza, Reparación e Deber de Memoria como garantías de non repetición. Na homenaxe participaron tamén o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco xunto con outras autoridades, representantes de entidades memorialistas e familiares das vítimas.

Recoñecemento e reparación a 28 presos

Un dos momentos centrais da xornada foi a entrega das Declaracións de Recoñecemento e Reparación Persoal a familiares e descendentes de 28 presos, procedentes de distintos municipios. As Declaracións de Recoñecemento e Reparación Persoal, contempladas na Lei 20/2022, de Memoria Democrática, supoñen o recoñecemento e a reparación moral por parte da democracia española de quen padeceron persecucións, condenas, sancións, prisión ou outras formas de violencia por razóns políticas, ideolóxicas ou de crenza durante a Guerra Civil e a Ditadura.

O acto recoñece a 28 presos, das máis de 5.600 persoas que pasaron polo penal de San Simón entre outubro de 1936 e marzo de 1943. Entre eles figuran catro nomes vencellados a Redondela: Diego San José de la Torre, Segundo Freire Rivas, Manuel Blanco Camiña e Manuel Barros Montero. Trátase dun primeiro recoñecemento que terá continuidade máis adiante para homenaxear tamén a outras persoas que sufriron a represión no penal.

O Goberno declarou o pasado mes de agosto as illas de San Simón e Santo Antón como Lugar de Memoria Democrática, recoñecendo oficialmente a súa relevancia como espazo de represión e encarceramento durante a Guerra Civil e os primeiros anos da ditadura. A resolución contabiliza ademais máis de 517 falecementos no penal, aos que se suman os producidos por fusilamentos e “paseos”.

Unión polo cumprimento da lei e un Plan de Usos no PXOM

A rexedora de Redondela avanzou as liñas estratéxicas do Goberno municipal para asegurar o respecto polo espazo, sinalando que “a Lei de Memoria Democrática debe cumprirse”. Neste sentido, adiantou que o Concello xa está a traballar co Executivo central na sinalización con paneis informativos e que “xa incluímos no Plan Xeral de Ordenación Municipal un Plan de Usos”. Rivas foi tallante ao esixir que “debe poñerse fin aos usos banais deste lugar” para evitar que se repitan actos que atentan contra a dignidade “das máis de cincocentas vítimas mortais rexistradas aquí”.

A memoria das “madriñas”

A homenaxe recoñeceu igualmente a solidariedade das coñecidas como “madriñas”, fundamentalmente mulleres de Cesantes, pero tamén doutros lugares de Redondela, que axudaron aos presos levándolles alimentos e roupa e actuaron como ligazón coas súas familias. Este papel de resistencia e solidariedade está recoñecido expresamente na declaración das illas como Lugar de Memoria Democrática. Precisamente, o acto contou coa intervención de María Barros, descendente de vítimas e madriñas, e co testemuño do escritor e xornalista Manuel Rivas, ademais da proxección de pezas audiovisuais dedicadas ás vítimas e ás mulleres que as auxiliaron.

A xornada combinou memoria, reparación e cultura, coa participación de Uxía e a lectura de Canto Matricial dass Augas Libres pola súa autora, Olga Novo, escritora e membro da Asociación para a Dignificación das Vítimas do Fascismo. A homenaxe concluíu co descubrimento da placa de Lugar de Memoria Democrática e unha ofrenda floral, acompañada pola actuación da chelista Margarita Mariño.

PRESOS HOMENAXEADOS

Diego San José de la Torre — natural de Madrid; tras saír de San Simón fixou a súa residencia en Redondela.

Segundo Freire Rivas — Redondela.

Manuel Blanco Camiña — Redondela.

Manuel Barros Montero — Redondela.

Alfredo Bautista Alconero — natural de Ponteareas e veciño do Porriño.

Alfonso Moreda Vázquez — Vigo.

José Benito García Santiago — Pontevedra.

Jaime Agra Blanco — Lalín.

Luis Agra Blanco — Lalín.

Antonio Gómez López — Vila de Cruces.

Dámaso Giráldez Piña — A Caniza.

Joaquín Nores Rodríguez — Cangas.

Antonio Fernández Fernández — Cangas.

Ramón Costas Otero — Cangas.

Dámaso Carrasco Duaso — Vilagarcía de Arousa.

Antonio Blanco Solla — Marín.

Andrés Santos Rodríguez — Marín.

Eduardo Otero Molas — Marín.

José González Táboas — Mondariz.

Celestino Carbia Campaña — Valga.

Antonio Rodríguez González — Vilacoba, Salvaterra de Miño.

Manuel Graña Pouseu — Bueu.

Amancio Caamaño Cimadevila — natural de Negreira e veciño de Pontevedra.

José Adrio Barreiro — Pontevedra.

Germán Adrio Mañá — natural de Vilagarcía de Arousa e veciño de Pontevedra.

Celestino Poza Cobas — Pontevedra.

Luis Poza Pastrana — Pontevedra.

Celestino Poza Pastrana — Pontevedra.

          

Compartir