Alumnado dun obradoiro de emprego anterior na especialidade de carpinteiría.
– O proxecto “Talento Mozo de Redondela” iniciará a súa actividade en setembro cunha duración de 12 meses. O alumnado formarase nas especialidades de Pintura e Albanelería, dous sectores con gran demanda de profesionais. Os participantes recibirán un contrato de traballo remunerado co Salario Mínimo Interprofesional .
– A alcaldesa, Digna Rivas, destacou a importancia estratéxica deste proxecto para o municipio “dándolle á xente nova as ferramentas para construír un futuro profesional”. Os beneficios son dobres porque “ao tempo que se forman cun soldo digno, poderán mellorar edificios públicos e rúas que emprega a veciñanza de Redondela e Chapela”.
O Concello de Redondela reafirma o seu compromiso coa inserción laboral da mocidade do municipio a través da posta en marcha do novo Programa de Formación-Emprego Talento Mozo de Redondela.
O obradoiro terá cunha duración de 12 meses e iniciará a súa actividade en setembro con formación teórica e práctica nas especialidades de “Pintura decorativa en construción” e “Albanelería”. O obxectivo principal é mellorar a empregabilidade dun total de 16 alumnos e alumnas (8 por cada especialidade formativa) mediante a adquisición de certificados de profesionalidade. As persoas seleccionadas asinarán un contrato de traballo e percibirán unha remuneración equivalente ao Salario Mínimo Interprofesional (SMI) vixente.
A alcaldesa, Digna Rivas, destacou a importancia estratéxica deste proxecto para o municipio: “Este programa é unha gran oportunidade para que mozos e mozas constrúan o seu futuro profesional”. A rexedora destaca que os obradoiros teñen un dobre beneficio porque “non só formamos á xuventude cun soldo digno desde o primeiro día, senón que tamén investimos na mellora do noso patrimonio e dos servizos públicos que desfruta toda a veciñanza de Redondela e Chapela”.
O concelleiro de Emprego, Alberto Álvarez, subliñou o impacto directo na inserción laboral que supón esta modalidade: “Buscamos un modelo de aprendizaxe práctico e real”. O alumnado adquire a experiencia real que esixe o mercado laboral en sectores con moita demanda como son a construción e as reformas”.
Na modalidade de Pintura impartiranse os certificados de profesionalidade de Pintura decorativa en construción e Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción. No caso de Albanelería o alumnado formarase en catro módulos, incluíndo Operacións auxiliares de albanelería de fábricas e cubertas, Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción, Operacións básicas de revestimentos lixeiros e o módulo de Tratamentos auxiliares en revestimentos con pezas ríxidas .
Melloras en edificios públicos e patrimonio local
O alumnado aplicará os coñecementos adquiridos en espazos públicos do Concello. Na especialidade de Pintura realizarán traballos de reparación e diversos tratamentos na Casa da Cultura, a Casa do Concello, os Edificios Multiusos da Xunqueira e de Chapela, e no Centro de Formación A Marisma.
Pola súa banda, o módulo de Albanelería centrarase en reformas estruturais e colocación de pavimentos na Casa da Cultura, o Conservatorio de Música, no local da antiga estación de tren de Chapela e na antiga escola de Saxamonde. Tamén actuarán en rúas do casco antigo como Padre Crespo, Isidoro Queimaliños, Reveriano Soutullo, Meixón frío ou Praza da Constitución, entre outras.
Requisitos de participación e inscrición
Para formar parte do proceso de selección, a mocidade interesada debe ter cumpridos os 18 anos e non superar os 30. É imprescindible estar inscrito como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia (SEPE) e no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil en Galicia. Para a especialidade de Albanelería non se require ningunha previa. No caso de Pintura decorativa requírese a formación regulada mínima que permita o acceso a certificados de profesionalidade de nivel 2.
Todas as persoas que cumpran os requisitos e desexen participar deberán formalizar a súa solicitude o antes posible acudindo directamente ás oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia de Redondela ou de Chapela.
O obradoiro foi concedido pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, cunha subvención que ascende a 483.995,36 €, e complétase cunha achega municipal de 18.400 €.