Skip to main content

Concello de Redondela

XIII Berete Rock no paseo marítimo de Chapela: concertos de balde cos mellores grupos do momento

A alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura, Rita Pérez, conX ocas e Cusi, da Asociación Berete Rock.

– O Concello de Redondela e a Asociación Berete Rock presentaron o cartel desta edición, que se celebra o sábado 1 de agosto. Todos os concertos son gratuítos e inclúe a Zálomon Grass, Ciclonautas, The Eskarallas e Fuss. A alcaldesa Digna Rivas destacou “a aposta pola cultura accesible para todos e todas” e animou á veciñanza de toda a bisbarra a achegarse a Chapela “para vibrar co mellor rock do momento”.

O Concello de Redondela e a Asociación Berete Rock presentou o cartel da décimo terceira edición do festival Berete Rock, unha das citas máis agardadas do verán musical na comarca e que terá lugar o vindeiro sábado 1 de agosto. No acto de presentación participaron a alcaldesa, Digna Rivas, e a concelleira de Cultura, Rita Pérez, acompañadas por Xocas e Cusi, da Asociación Berete Rock.

A alcaldesa, Digna Rivas, amosou a súa satisfacción por acadar a edición número trece dun festival “máis que consolidado” e quixo facer especial fincapé en que o Berete Rock mantén a súa esencia de ser un festival totalmente gratuíto. “Nun momento no que os grandes festivais teñen prezos prohibitivos, en Redondela e Chapela apostamos por unha cultura accesible e de calidade para todo o mundo”, asegurou a rexedora, quen agradeceu o traballo conxunto co tecido asociativo para facer posible esta cita.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Rita Pérez, xe os representantes da Asociación, Xocas e Cusi, puxeron en valor a calidade do cartel deste ano. “Mantemos o noso compromiso co acceso libre á música en directo, ofrecendo un formato aberto a todos os públicos onde se mesturan bandas consagradas co apoio aos grupos emerxentes e ao talento da nosa terra”, suliñaron na presentación.

Os concertos arrancarán a partir das 21:00 horas no Paseo Marítimo de Chapela. O acceso ao recinto é de balde. As formacións participantes son Zálomon Grass, co seu potente rock de raíces e psicodelia; Ciclonautas, unha recoñecida banda de rock urbano que promete facer vibrar o paseo; The Eskarallas, cun punk rock enérxico, irreverente e directo, e Fuss, a banda local que porá o selo de calidade e potencia sobre o escenario.

O Concello de Redondela e a directiva do Berete Rock agradeceron o esforzo de todo o persoal municipal, voluntarios e corpos de seguridade que fan posible a loxística deste evento masivo, garantindo un desenvolvemento seguro e festivo para toda a veciñanza.

Compartir