Digna Rivas e Iria Vilaboa xunto á Policía Nacional de Participación Cidadá que visita os campamentos
– Rapazada de 3 a 12 anos participa nestas actividades nas diferentes parroquias. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que os campamentos municipais ofrecen ás familias “un espazo de lecer seguro, educativo e de calidade para nenos e nenas durante as vacacións escolares, tanto no mes de xullo como en agosto”.
O Concello de Redondela fai un balance moi positivo do Programa Municipal de Conciliación de Verán durante o pasado mes de xullo. O servizo municipal pechou o seu primeiro tramo cun gran éxito de participación. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que esta actividade ofrece ás familias “un espazo de lecer seguro, educativo e de calidade para os nenos e nenas do municipio durante as vacacións escolares”.
O campamento de conciliación non para e continúa activo durante todo este mes de agosto. A ampliación do servizo foi impulsada polo Goberno de Rivas, xa que en mandatos anteriores os campamentos estivais limitábanse ao mes de xullo. Con esta medida, ofrécense 180 prazas adicionais no mes de agosto para dar unha cobertura total ás familias e facilitar a conciliación os dous meses de vacacións. En conxunto, o Concello ofrece 480 prazas nos campamentos de verán. Rivas, explica que o Concello “aposta por achegar os servizos a toda a veciñanza, tanto na vila como nas parroquias, para facilitar o acceso aos campamentos e reducir os desprazamentos das familias”. Pola súa banda, a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, destaca que o seu departamento ofrece un servizo “que favorece a conciliación de responsabilidades familiares e laborais, ao tempo que permite a nenos e nenas participar en actividades lúdicas”.
A rapazada que participa nos campamentos recibiu a visita do equipo de Partición Cidadá da Policía Nacional da comisaría Vigo-Redondela. Os axentes imparten aos nenos e nenas charlas para previr o acoso escolar, danlles pautas sobre seguridade e amósanlles os vehículos policiais, as sirenas e o equipamento básico.