Skip to main content

Concello de Redondela

O Arquivo Municipal incorpora unha escritura foral de 1.733, o orixinal máis antigo dos seus fondos

Almudena Bouzón, Digna Rivas, Rita Pérez e Ana Gesteira co manuscrito.

– Os documentos foron doados por un veciño de Vigo con antepasados na parroquia do Viso. Trátase dun acordo entre o Conde de San Román e o presbítero Dionisio de Amoedo polo alugueiro de terras. Os textos foron dixitalizados e transcritos para a súa consulta pública.
– A alcaldesa, Digna Rivas, destaca o orgullo que supón custodiar este patrimonio “que é parte da nosa historia.” Grazas a esta doazón “un patrimonio que estaba gardado nun ámbito privado pasa a ser público e de todos os redondeláns e redondelás”.
– O gran traballo do Arquivo redondelán foi recoñecido polo Ministerio de Cultura, que escolleu ao departamento para participar na Comisión Técnica de Arquivos de Administracións Locais.

O Arquivo Municipal de Redondela conta cun novo documento histórico. Trátase do orixinal máis antigo dos seus fondos. Trátase dunha escritura foral do ano 1733 que foi cedida por un veciño de Vigo con raíces familiares no municipio, quen localizou os textos entre a documentación legada polos seus antepasados.

Ao comprobar que os manuscritos facían referencia expresa á parroquia do Viso e entendendo o seu valor histórico, este cidadán —que desexa permanecer no anonimato— púxose en contacto coa concelleira de Cultura, Rita Pérez, e coa responsable do Arquivo Municipal, Ana Gesteira. Tras avaliar o extraordinario interese dos textos para a conservación e difusión do patrimonio local, o Concello e o doador formalizaron o acordo de cesión para que sexa custodiado correctamente.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, amosou o seu profundo agradecemento por este xesto cidadán e sinalou que “recibir un documento de tanta relevancia é unha honra e unha enorme responsabilidade histórica para o noso Concello. Estes textos son a proba das nosas raíces e da nosa identidade como pobo. Grazas a esta doazón, un patrimonio que estaba gardado nun ámbito privado pasa a ser públicos e de todos os redondeláns e redondelás”.

Un pacto por corenta ducados e un carro de leña

O texto principal é un contrato foral manuscrito asinado por D. Pedro Miranda Omaña e Osorio, Conde de San Román de Soutoxuste (O Viso), e o presbítero Dionisio de Amoedo, cura da feligresía de Santiago de Arcade. A través deste documento, o conde acordaba co párroco e cos seus futuros descendentes o aluguer dunha serie de propiedades a cambio do pago anual de corenta ducados de moeda de vellón e a entrega dun carro de leña semanal. O texto detalla minuciosamente todas as casuísticas do contrato, estipulando por exemplo que a data de pago anual debía ser o día de San Martiño.

Dixitalizado e transcrito. Grazas a que o Arquivo conta co apoio de Almudena Bouzón, bolseira especialista en Historia Medieval, procedeuse á transcrición dos textos. Deste xeito a cidadanía e os investigadores teñen xa á súa disposición tanto a copia dixital das escrituras orixinais como a súa correspondente transcrición en texto moderno.

O Ministerio de Cultura elixe a Redondela para a Comisión Técnica de Arquivos

Esta histórica incorporación ao arquivo coincide cun momento de gran recoñecemento institucional para o departamento. O Ministerio de Cultura elixiu a responsable do Arquivo de Redondela, Ana Gesteira Ponce, para representar aos arquivos municipais na nova Comisión Técnica de Arquivos de Administración Local (CTAAL). Xunto co arquivo de Lugo é o único representante de Galicia neste órgano, creado para valorar e mellorar a situación dos arquivos de municipios e deputacións. Para o Concello de Redondela é unha honra que o seu Arquivo fose elixido de entre moitos, “o que demostra que o traballo realizado neste departamento municipal serve de referente máis alá das fronteiras da vila”.

Compartir