Concello de Redondela

A Festa da Coca arranca co pregón de Carla Abad e a homenaxe a quen mantén viva a tradición

– A alcaldesa, Digna Rivas, fixo fincapé en que as Festas da Coca son máis que unha celebración “porque son a herdanza que recibimos das xeracións que nos precederon e a responsabilidade de mantelas vivas para as que virán”.

– O acto acolleu o emotivo relevo das Penlas, a despedida de tres históricos danzantes e o recoñecemento público ás alfombristas. A pregoeira, Carla Abad, reivindicou a identidade de Redondela e o deporte feminino como motores de unión e animou ás nenas a seren valentes “para romper calquera barreira”.

A chuvia obrigou a trasladar ao auditorio da Xunqueira os actos de apertura oficial da Festa da Coca 2026. A xornada inicial, de gran carga emotiva, abarrotou o patio de butacas para celebrar o arranque dunha festividade declarada de Interese Turístico de Galicia. A concelleira de Cultura, Rita Pérez, foi a encargada de abrir o acto, e agradeceu o compromiso de toda a vila con esta tradición que é “orgullo memoria”. A pregoeira, Carla Abad, fixo un agradecemento a todas as persoas “que axudan a manter vivas as nosas tradicións” e tamén “a todos os clubs e asociacións deportivas e culturais polo seu traballo diario, que que ten un valor incalculable para a nosa vila”. Tamén animou ás nenas a seren valentes “para romper calquera barreira”.

Pola súa banda a alcaldesa, Digna Rivas, enxalzou a figura de Carla Abad como “un referente deportivo que abriu camiños para as mulleres” e fixo fincapé en que as Festas da Coca son máis que unha celebración “porque son a herdanza que recibimos das xeracións que nos precederon e a responsabilidade de mantelas vivas para as que virán” Durante a súa intervención, a rexedora tivo palabras de gratitude para o traballo da Concellería de Cultura e todo o persoal municipal que fai posible esta festa, así como un especial recoñecemento “ás alfombristas, danzantes das Espadas, ás Penlas e ás Burras, aos xigantes e cabezudos e a todas as persoas que fan posible que sintamos a mesma emoción cada ano”. O momento central do acto estivo dedicado ao tecido social que mantén viva a festa:

• Homenaxe a alfombristas: Recoñeceuse o traballo de Josefa e María Alfonso, Daniel Hidalgo, Carla Soutullo, Josefa Calvar, Milagros Barreiro e Carmen Lorenzo.

• Danza das Espadas: Rendeuse tributo ao antigo xefe de danzantes Bernardo Cobián. Así mesmo, homenaxeouse a Thomas e Xoel Schwarz e Fernando Santos, tres danzantes que pechan a súa etapa tras case vinte anos de traxectoria.

• Relevo das Penlas: Viviuse o simbólico paso de testemuño xeracional. Daniela Piñeiro entregou o gorro a Ashley Blanco, e Sabela Gómez fixo o propio con Ainara Migueles. Posteriormente, realizouse a entrega de alas a Martina Rodríguez e Mara Vidal, pechando o acto coa primeira representación do baile oficial.

A xornada rematou co Concerto da Orquestra Panorama no Campo da Feira e a elaboración das Alfombras Florais polas rúas de Redondela.

Compartir