Centos de persoas ateigaron a carpa da XXXVII Festa do Choco, nunha xornada gastronómica na que non faltou a boa música e o humor. O delicioso choco non defraudou aos asistentes, que o degustaron en empanada, á prancha, na súa tinta con arroz, ou en croquetas, entre outras saborosas elaboracións. A xornada comezou co pregón, a cargo do actor e presentador Rafa Durán, quen se encargou de poñer a nota de humor á xornada e mesmo fixo cantar aos asistentes ao ritmo de “choco-choco”. A alcaldesa, Digna Rivas, puxo en valor o traballo conxunto de “mariñeiros, hostaleiros e todas as persoas que fan posible esta festa, que consolida a Redondela como referente na promoción dos produtos do mar galegos”. Lembrou que o choco da enseada de San Simón é “o mellor choco do mundo” e que está “no ADN” de todos os redondeláns, “por iso nos coñecen como choqueiros e choqueiras”. Rivas convidou ao público a gozar da festa, a gastronomía e a cultura de Redondela e as súas parroquias, “con moitos lugares fermosos que vos van sorprender”.
A programación musical é outro dos pratos fortes desta festa, que despois do éxito da verbena do venres co Combo Dominicano, onte sábado puxo a bailar ao público con Airiños de San Simón, Tato nos Ten, o tributo a U2 Zen Garden e os picadiscos Rodri Vegas e Enter. Hoxe domingo as actuacións da mañá estiveron protagonizadas pola Bande de Música de Chapela e o Carballo das Ce Pólas, e pola tarde será a quenda da Rondalla de Redondela, ás 18.00 horas, e a Orquestra Gran Parada ás 21.00.