Concello de Redondela

Search
Close this search box.
Search
Close this search box.

O Concello presenta alegacións ao polígono de Louredo polo impacto ao medio ambiente e o patrimonio

– A alcaldesa, Digna Rivas, explica que este parque empresarial “está próximo a núcleos de poboación e pode ter un impacto negativo tanto no medio ambiente como na paisaxe e no patrimonio da parroquia”. A rexedora sinala que o goberno local “está do lado dos veciños, e como xa fixemos no ano 2022 volvemos presentar alegacións dentro do prazo de consulta pública”.
– Responsables do goberno local reuníronse na tarde do venres con representantes veciñais da parroquia xunto co equipo técnico para trasladarlles o traballo feito desde o Concello e informalos das alegacións que agora se presentan contra o plan de ordenación do Polígono de Louredo.

O Concello de Redondela presenta varias alegacións ao polígono industrial de Louredo proxectado pola Xunta de Galicia e que afecta a terreos da parroquia de Vilar de Infesta. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que este parque empresarial “está próximo a núcleos de poboación e pode ter un impacto negativo tanto no medio ambiente como no patrimonio da parroquia”. A rexedora sinala que o goberno local “está do lado dos veciños, e como xa fixemos no ano 2022 volvemos encargar un informe técnico para presentar novamente alegacións dentro do prazo de consulta pública”. Este parque empresarial impulsado pola Xunta de Galicia non contempla un plan para evitar o impacto negativo que o polígono pode causar ao medio ambiente, á paisaxe e ao patrimonio de Redondela.

O informe técnico sinala que o Documento de análise e Avaliación ambiental do polígono “non tivo en conta os condicionantes en materia de protección de leitos de auga existentes na zona, nin de protección de patrimonio cultural e etnográfico”. Engade o Concello de Redondela nas súas alegacións que o planeamento para o futuro polígono “debe protexer a biodiversidade e incluír accións de mellora do medio rural e natural”. Os prexuízos para o patrimonio de Vilar son motivo tamén de alegacións contra este polígono industrial, pola proximidade do xacemento Mámoa dos Valos e por coincidir co trazado do Camiño de Santiago que pasa pola parroquia.

Os concelleiros Rita Pérez Táboas, Atonio Cabaleiro e Iria Vilaboa reuníronse na tarde do venres con representantes veciñais da parroquia de Vilar nunha xuntanza á que asistiu tamén o equipo técnico que elaborou as alegacións. A reunión serviu para trasladarlle á veciñanza o traballo feito desde o Concello e as alegacións que agora se presentan contra o plan de ordenación do Polígono de Louredo dentro do prazo de consulta pública.

Compartir