Skip to main content

Concello de Redondela

O Concello convoca o VI Premio ‘Sesé Mateo’ de Xornalismo Ético no trato da violencia machista

Entrega do premio na pasada edicióndo Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético.

No certame, dotado cun premio de 1.500 euros, poden partiipar traballos publicados en calquera formato que fuxan do morbo e protexan a intimidade das vítimas e as súas familias. O prazo para presentar candidaturas está aberto ata o 30 de setembro.
– A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que o premio busca “antepor a ética profesional e o respecto ás vítimas a calquera outra consideración. Non se trata só de informar, senón de facelo con responsabilidade para axudar a combater a violencia”.

O Concello de Redondela, a través do seu Servizo de Igualdade, abriu o prazo de inscrición para o VI Premio Sesé Mateo de Xornalismo Ético no tratamento da violencia machista. Este galardón, xa consolidado como un referente a nivel autonómico e estatal, naceu co firme propósito “de visibilizar e recoñecer o labor daqueles profesionais da comunicación que abordan a violencia de xénero e vicaria con rigor, respecto absoluto pola intimidade das vítimas e un firme compromiso social”, explica a alcaldesa, Digna Rivas. A rexedora subliñou a enorme transcendencia que teñen os medios á hora de modelar a percepción social deste problema: “Na profesión xornalística é moi fácil caer en tópicos ou enfoques morbosos ao informar sobre crimes machistas. Con este certame queremos premiar a quen antepoñen a ética profesional e o respecto ás vítimas ao sensacionalismo ou calquera outra consideración. Non se trata só de informar, senón de facelo con responsabilidade para axudar a combater a violencia”.A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, fixo fincapé na necesidade de manter viva a esixencia de calidade nos contidos mediáticos: “A figura de Sesé Mateo, asasinada en 2017, lémbranos que detrás de cada cifra hai historias humanas e familias esnaquizadas. Hoxe en día queda moito por mellorar no ámbito do xornalismo co respecto ao tratamento da violencia contra as mulleres e as súas crianzas. Precisamos pezas informativas que aporten contexto, que acudan a profesionais especializados e que difundan os recursos públicos de prevención e denuncia”. Da man do seu fillo, Joshua Mateo, o Concello de Redondela creou este galardón que se celebra anualmente e que se falla en novembro, mes no que se celebra o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Un palmarés marcado polo rigor e o compromiso social

Neste tempo o Premio Sesé Mateo converteuse nun referente do xornalismo de investigación humano e profesional. Na primeira edición, en 2021, o premio foi para a xornalista Patricia Costa por unha reportaxe en RNE sobre o funcionamento do sistema VioGén. En 2022 o recoñecemento foi para a xornalista Cristina García López cun pódcast sobre as violacións por submisión química da Radio Galega. Ana González Liste gañou a terceira edición pola investigación do seguimento policial telemático ás vítimas en Galicia, publicada en Praza Pública. En 2024 foron as xornalistas Macarena Baena e Laura de Grado as premiadas polo proxecto multimedia “Desprotegidas”, da revista Efeminista, da axencia EFE, sobre a vulnerabilidade das mulleres migrantes. Na última edición, as xornalistas Cláudia Morán, Marta Otero e Marta Veiga gañaron coa peza “Todas as veces que foron un non”, unha profunda radiografía sobre a violencia sexual editada na Revista Luzes.

Requisitos e dotación económica

O premio conta cunha categoría única dotada con 1.500 euros en metálico. Poderán concorrer a el pezas xornalísticas de calquera xénero (noticias, artigos de opinión, reportaxes ou entrevistas) que teñan sido publicadas ou emitidas en medios impresos, radiofónicos, audiovisuais ou dixitais entre o 1 de setembro de 2025 e o 31 de agosto de 2026. Cada profesional poderá presentar un máximo dun traballo, tanto en lingua galega como en castelán.

O prazo de inscrición rematará o vindeiro 30 de setembro de 2026. As solicitudes poden tramitarse de xeito presencial no Rexistro Xeral do Concello ou a través da súa sede electrónica. No caso de empregar outros rexistros públicos, as persoas interesadas deberán remitir unha copia cotexada da documentación ao enderezo electrónico igualdade@redondela.gal para asegurar a súa correcta inclusión no proceso de selección.

Compartir