Skip to main content

Concello de Redondela

O Concello outorga o diploma “Orgullo redondelán” ao ciclista Iker Viéitez polos seus éxitos en pumptrack

– O Concello de Redondela celebrou un acto oficial de recoñecemento para entregar o diploma “Orgullo Redondelán” ao xove deportista local Iker Viéitez Domínguez. Coa entrega deste distintivo, a administración municipal homenaxea publicamente a súa brillante traxectoria no ciclismo en Pumtrack e, de forma moi especial, o seu recente título como subcampión de España 2026.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro de Deportes, Antonio Cabaleiro, foron os encargados de facer entrega desta distinción en representación de toda a corporación local. No acto Iker estivo arroupado pola súa familia e concelleiros da corporación municipal.

Con só 14 anos de idade, Vieitez acumula un palmarés excepcional que non para de medrar. Campión Galego nos anos 2024 e 2026, subcampión en 2025 e 3º en 2023. Na Copa Galicia, logrou o título en 2025, o subcampionato en 2024 e marcha provisionalmente en 2ª posición nesta tempada 2026 que aínda se está a disputar. A nivel estatal, tras conseguir un meritorio 4º posto en 2025, este ano acadou o podio ao proclamarse Subcampión de España 2026 na categoría Infantil.

A alcaldesa, Digna Rivas, amosouse moi orgullosa do fito acadado polo mozo: “Iker é o claro exemplo de que con traballo, constancia e ilusión non hai metas imposibles. Para Redondela é unha honra enorme contar con deportistas coma el, que non só levan o nome do noso concello ao máis alto do podio, senón que representan os mellores valores do deporte base e da nosa xuventude”. Rivas quixo facer tamén unha mención especial á súa familia e veciñanza de Vilar de Infesta, “polo apoio que lle brindan no seu día a día”. Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Antonio Cabaleiro, uniuse ás felicitacións pola dedicación e esforzo demostrados, desexándolle a mellor das sortes para os futuros retos sobre a bicicleta.

Compartir