A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Ensino, Alberto Álvarez, presentaron as axendas no CEIP Alexandre Bóveda.
– O Concello inicia o reparto gratuíto das axendas escolares para o curso 2026/27 dirixidas ao alumnado de Primaria e Secundaria de todos os centros públicos do municipio. Nesta ocasión son un total de 2.139 axendas que recollen información do histórico bote “Manuel”. Esta embarcación tradicional do século pasado transportou en segredo a centos de xudeus que fuxían do réxime nazi e tamén abasteceu á illa de San Simón durante a súa época como cárcere franquista.
– As axendas inclúen tamén información sobre as tradicións de Redondela e as actividades culturais, así como mapas e outra información útil para o alumnado. Para a alcaldesa é importante que estas axendas, ademais de ser unha ferramenta de comunicación entre alumnado, familias e profesorado, “sirvan tamén para fomentar o noso patrimonio e a nosa cultura”.
O Concello de Redondela presentou o contido completo das novas axendas escolares gratuítas que se repartirán no comezo de curso entre todo o alumnado de Primaria e Secundaria dos centros públicos do municipio. A edición deste ano destaca por converterse nunha ferramenta pedagóxica e de memoria histórica, recollendo polo miúdo a traxectoria do bote “Manuel”, un símbolo da identidade e solidariedade local. Este ano foi o CEIP Alexandre Bóveda, de Chapela, o que acolleu a presenación das axendas, que inclúen ilustracións detalladas coa anatomía da embarcación tradicional e repasan os fitos máis importantes deste barco tradicional. Entre os contidos históricos que aprenderán os alumnos destacan que na represión franquista o “Manuel” transportaba de Redondela a San Simón tanto comida como roupa e correspondencia para os presos. Na Segunda Guerra Mundial o bote serviu para facilitar a fuxida de centos de xudeus que escapaban do réxime nazi, embarcando na Portela cara a buques británicos. Xa en 1955 o “Manuel” particiou na expedición de Robert Stenuit e John Potter na busca dos galeóns afundidos de Rande.
A axenda tamén pon en valor os traballos máis recentes de conservación do patrimonio mariñeiro. Tras ser entregado por Faustino Otero Cabaleiro á asociación A Lagoa dos Bébedos, o bote foi restaurado en 2024 grazas ao obradoiro municipal de carpintaría de ribeira do Concello de Redondela. Actualmente, o orixinal atópase exposto no Museo de Meirande (Museo da Batalla de Rande). Como colofón desta recuperación, en 2025 creouse unha réplica exacta, o ‘Novo Manuel’, que hoxe en día navega polas costas de Galicia, Portugal e o Cantábrico.
Entre as seccións informativas do interior da axenda, o Concello inclúe un espazo dedicado a Xosé Neira Vilas (1928-2015) con motivo do vindeiro Día das Letras Galegas 2027. O obxectivo é que os escolares coñezan de primeira man ao autor de Memorias dun neno labrego —a obra máis editada e traducida de toda a historia da literatura galega— e reforcen o orgullo pola lingua propia desde as idades máis temperás.
As axendas inclúen tamén información sobre as tradicións de Redondela e as actividades culturais, así como mapas e outra información útil para o alumnado. Para a alcaldesa é importante que estas axendas, ademais de ser unha ferramenta de comunicación entre alumnado, familias e profesorado, “sirvan tamén para fomentar o noso patrimonio e a nosa cultura”.




