Skip to main content

Concello de Redondela

O Concello insta á Xunta a que resolva os problemas estruturais pendentes nos centros educativos

En 2025 o Concello instalou no CEIP Laredo un valado de seguridade provisional ata que a Xunte renove o tellado.

– A alcaldesa, Digna Rivas, apela á colaboración institucional para acometer reformas históricas en edificios que superan os 40 anos de antigüidade. En centros recentemente reformados pola Xunta como o IES Pedro Floriani, as novas aulas carecen de calefacción e conexión a internet, ademais de padecer pingueiras no pavillón.
– A seguridade do CEIP Laredo é a máxima prioridade. O colexio precisa con urxencia a renovación integral da cuberta. O tellado está protexido cun valado instalado polo Concello desde xaneiro de 2025 para garantir a seguridade da comunidade educativa.

O Concello de Redondela fixo un chamamento á Consellería de Educación da Xunta de Galicia para que acometa os investimentos necesarios nas infraestruturas educativas do municipio. A alcaldesa, Digna Rivas, puxo de manifesto a urxencia de abordar as reformas de gran calado que exceden as competencias locais. O informe técnico municipal pon sobre a mesa unha serie de actuacións en centros que, dada a súa antigüidade —na súa maioría teñen entre 40 e 50 anos—, precisan dunha modernización estrutural integral para garantir a súa sostibilidade. En novembro do ano pasado a alcaldesa solicitou unha reunión co responsable provincial de Ensino da Xunta de Galicia, e aínda agarda unha resposta.

Dentro do mapa de necesidades detectadas a situación máis preocupante céntrase no CEIP Laredo (Chapela). O Concello reitera a urxencia de concretar o proxecto e a data para a renovación integral da cuberta. O perímetro do tellado está protexido cun valado instalado polo Concello en xaneiro de 2025 para previr posibles riscos de desprendementos para garantir a seguridade da comunidade educativa. Rivas advirte que resolver esta deficiencia de forma definitiva “é unha prioridade inaprazable debido ao risco estrutural que presenta o tellado”.

No CEP Santa Mariña cómpre actuar sobre os danos visibles presentes na fachada e nas escaleiras do centro; En Outeiro das Penas requírese a reparación e actualización do sistema de calefacción; Na EEI A Marisma agárdase por un espazo propio de comedor dentro da escola, servizo que actualmente se presta de xeito provisional nun local cedido polo Concello; nos colexios Cedeira e Alexandre Bóveda é necesario o cambio de fiestras para a mellora da eficiencia enerxética e o confort térmico.

Tamén hai problemas en centros recentemente reformados pola Xunta como o IES Pedro Floriani, porque as novas aulas carecen de calefacción e conexión a internet, ademais de padecer pingueiras no pavillón.

Do mesmo xeito, o goberno de Redondela incide na idoneidade de revisar os espazos comúns, como os cuartos de baño e as pistas exteriores de varios centros públicos, que xa alcanzaron o termo da súa vida útil operativa. O Concello reitera que manterá o seu compromiso firme co mantemento diario, pero lembra que a execución destas grandes obras estruturais require da actuación da administración autonómica para ofrecer unha educación pública en condicións óptimas.

Compartir