Skip to main content

Concello de Redondela

O Concello adxudica a renovación do pavimento nas rúas José Regojo e Pai Crespo

– A actuación conta cun orzamento de 44.500 euros que inclúe o asfaltado da totalidade da rúa José Regojo e un tramo de 300 metros na rúa Pai Crespo, as arterias que cruzan a vila desde a Praza de Ponteareas ata a Praza de Ribadavia. A obra supón renovar máis de 1.900 metros cadrados de firme e os traballos comezarán en breve.
– A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, sinalou que “esta intervención era unha prioridade para o Goberno local, xa que falamos de dúas vías cunha alta densidade de tráfico. Mellorar o firme non só embelece o noso centro urbano, senón que garante a seguridade de todas as veciñas e veciños que empregan estas rúas a diario”.

O Concello de Redondela renovará dúas das arterias do centro da vila: a rúa José Regojo e un tramo da rúa Pai Crespo. O proxecto intervén nunha lonxitude de 290 metros lineais cun ancho medio de 5,50 metros. O tramo afectado na rúa Pai Crespo comprende dende o número 88 ata o número 39 e toda a rúa José Regojo. Trátase de dúas arterias que cruzan a vila, desde a Praza de Ponteareas (onde se sitúa o convento de Vilavella) ata a Praza de Ribadavia, coñecida tamén como “a Farola”. O obxectivo é solucionar o estado de deterioro que presenta o pavimento, afectado por fisuras e fochancas. A alcaldesa, Digna Rivas, sinala que “esta intervención era unha prioridade para o Goberno local, xa que falamos de dúas vías cunha alta densidade de tráfico tanto peonil como rodado. Mellorar o firme non só embelece o noso centro urbano, senón que garante a seguridade dos peóns e vehículos que empregan estas rúas a diario”.

Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, destaca que o proxecto está deseñado “para ser o máis eficiente posible”. Co obxectivo de minimizar o impacto no tráfico, as tarefas de pintado da sinalización realizaranse en horario nocturno, evitando o gran tránsito de vehículos que soportan estas rúas durante o día. Os traballos teñen un prazo de execución de dous meses. “Sabemos que as obras na zona centro sempre xeran incomodidades, pero planificamos os traballos de sinalización en horario nocturno precisamente para minimizar as molestias ao comercio e ao tráfico”, engadiu Villar. Dende o Goberno local pídeselle comprensión á veciñanza polas posibles afeccións ao tráfico que se produzan durante as fases de fresado e asfaltado.

A actuación foi adxudicada por 44.528,00 euros que se financian con fondos propios do Concello dentro do plan de investimento en camiños municipais que conta cun orzamento de 2,7 millóns de euros.

Compartir