Skip to main content

Concello de Redondela

Redondela revalida a medalla de ouro como municipio 100% libre de tabaco na rede de ‘Praias sen fume’

– O concelleiro de Medio Ambiente e Saúde, Alberto Álvarez, recolleu o diploma que acredita que a totalidade dos areais do municipio están libres de fume. O recoñecemento sitúa a Redondela entre os 13 concellos da provincia de Pontevedra que acadan a máxima distinción de saúde pública e sustentabilidade.

O Concello de Redondela volve situarse na vangarda da protección ambiental e do coidado da saúde pública en Galicia. O municipio revalidou este ano a Medalla de Ouro da Rede Galega de Praias sen Fume, un distintivo que certifica que o 100% dos areais do termo municipal son espazos libres de tabaco e dispositivos electrónicos de vapeo.

O concelleiro de Medio Ambiente e Saúde, Alberto Álvarez, foi o encargado de recoller este diploma especial nun acto oficial organizado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia. Durante o evento, presidido polo conselleiro Antonio Gómez Caamaño, puxose en valor o esforzo de Redondela, que forma parte do selecto grupo de 13 concellos da provincia de Pontevedra que conseguiron blindar toda a súa costa fronte ao fume.

Coa consecución da Medalla de Ouro, o Goberno local consolida unha estratexia que non só busca protexer a saúde da veciñanza e dos visitantes fronte ao tabaquismo pasivo, senón tamén evitar a contaminación por cabichas, un dos residuos máis habituais e prexudiciais para os ecosistemas mariños.

Máis alá dos areais: Paseo da Xunqueira e Alameda Castelao libres de fume.

A estratexia de protección do Concello de Redondela esténdese moito máis alá dos areais e ten a súa orixe no traballo de participación comunitaria. Alberto Álvarez quixo destacar que a ampliación das zonas libres de tabaco na contorna urbana foi unha iniciativa impulsada a través da Mesa Local de Saúde, o órgano que canaliza as propostas de benestar do municipio. Grazas ao impulso desta Mesa, e en estreita colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro (AECC), articulouse a campaña para declarar o Paseo da Xunqueira e a Alameda de Castelao como novos «Espazos sen Fume». Esta proposta sumou ademais a implicación activa do alumnado dos institutos locais mediante un proceso de votación popular. Estas dúas emblemáticas zonas de lecer contan xa coa sinalización correspondente para erradicar o tabaco tradicional e os vapeadores, co obxectivo prioritario de protexer á poboación infantil e xuvenil e evitar que se normalicen hábitos nocivos nos lugares de convivencia diaria.

Compartir