Skip to main content

Concello de Redondela

Volven os clubs de lectura das bibliotecas muncipais

As Bibliotecas Municipais de Redondela recomezan os seus tradicionais clubs de lectura.

As persoas interesadas en participar nos mesmos, poden facer xa a súa inscrición.

Os clubs de lectura son xuntanzas periódicas onde un grupo de persoas comentan diferentes libros, previa lectura individual dos mesmos.

Nos nosos clubs (un na biblioteca de Redondela e outro na biblioteca de Chapela) as reunións son mensuais, e lese un libro diferente de cada vez, procurando que as propostas lectoras sexan variadas e diversas, adaptándose a diferentes gustos e estilos.
A conversa difire dunha sesión a outra, pois xira arredor de aspectos moi variados: o estilo literario, a temática da obra, o pensamento do autor ou autora, amén das impresións persoais ou das emocións que o texto evoca nos lectores… todo ten cabida nas parolas dos clubs.

As persoas participantes teñen que ter cumpridos os 18 anos, ter o carné de socias da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, e inscribirse previamente nun dos clubs. En calquera caso, o carné das bibliotecas pode facerse no mesmo momento da inscrición.

Participar é de balde, e as bibliotecas, ademáis, proporcionan os libros para cada sesión. O número de persoas participantes é limitado.

– Na Biblioteca P.M. Valle-Inclán de Redondela ➡ un VENRES cada mes, ás 20:00 h.
  📍 Paseo da Xunqueira, S.N., Edificio Multiúsos, 1º andar. Redondela.
📞 986-401-561
📧 bibliotecaredondela@redondela.gal

– Na Biblioteca P. M. Xela Arias de Chapela ➡ un LUNS cada mes, , ás 20:00 h.
📍 R/ Piñeiral, nº22, Edificio Multiúsos, 1º andar. Chapela (Redondela).
📞 986-454-226
📧bibliotecachapela@redondela.gal

 

-As xuntanzas comezarán  no mes de outubro.

Compartir