– A resolución do Concello dita o cese da actividade de almacenamento de bobinas de aceiro tras constatar que a empresa non dispón do título habilitante obrigatorio.
– O Goberno local reafirma o seu compromiso coa legalidade urbanística e a defensa do interese público e ambiental tras un exhaustivo proceso de inspección por parte do servizo técnico de Urbanismo.
O Concello de Redondela, a través dunha resolución baseada nos informes dos servizos técnicos de Urbanismo, ordenou a suspensión inmediata da actividade industrial que a empresa ArcelorMittal España, S.A. vén desenvolvendo nunha nave situada na parroquia de Chapela. Esta medida cautelar inclúe, paralelamente, o inicio do expediente de reposición da legalidade urbanística.
O concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, explica que a actuación municipal prodúcese “tras un rigoroso seguimento administrativo no que se constatou que a firma utiliza as instalacións para o almacenamento de bobinas de chapa de aceiro sen contar co preceptivo título habilitante”. A pesar dos requirimentos e controis previos realizados polo Concello para que a empresa regularizase a súa situación, ArcelorMittal non completou en prazo a solicitude de legalización.
O Concello advirte á empresa de que o incumprimento desta orde de suspensión dará lugar á adopción de medidas coercitivas severas. Estas poden incluír a imposición de sancións económicas reiteradas, a execución subsidiaria por parte da administración e, de ser necesario, o precinto físico da actividade.
Inspección e transparencia administrativa
As inspeccións urbanísticas levadas a cabo sobre o terreo confirmaron o exercicio da actividade sen autorización. Así mesmo, o Concello de Redondela mantivo unha comunicación fluída e transparente con outras institucións, remitindo toda a información pertinente tanto á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático como á Valedora do Pobo, tras recibir requirimentos de información por parte de ambos organismos.
Con esta decisión, o Concello de Redondela reafirma o seu compromiso irrenunciable co cumprimento da normativa vixente. O Goberno local subliña que o obxectivo final é garantir que calquera actividade industrial no municipio se desenvolva coas máximas garantías urbanísticas e ambientais, protexendo sempre o interese xeral da veciñanza.