– A alcaldesa, Digna Rivas, insistiu en que o Goberno local estará vixiante para que ADIF cumpra coas súas obrigas e a veciñanza da Portela recupere canto antes a normalidade cun acceso “que cumpra coas súas necesidades de mobilidade”.
– O Goberno local quere determinar mediante un informe técnico se as obras executadas se corresponden coas dimensións e calidades recollidas no proxecto inicial. Rivas comprometeuse coa veciñanza a instar á entidade ferroviaria a mellorar a ponte para facilitar o tránsito de vehículos.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, reuníronse onte con veciños e veciñas da Portela, en Cedeira, afectados polas obras do paso superior de Renfe. Rivas insistiu en que o Goberno local está vixiante para que ADIF cumpra coas súas obrigas e a veciñanza da Portela recupere canto antes a normalidade cun acceso “que cumpra coas súas necesidades de mobilidade”.
A alcaldesa anunciou que o Concello solicitará un estudo topográfico detallado da infraestrutura “para verificar que os traballos realizados por ADIF se axusten estritamente ao proxecto técnico”. Esta decisión xorde tras o compromiso adquirido pola rexedora cos residentes da zona, quen trasladaron a súa preocupación pola funcionalidade da nova ponte. Rivas sinalou que debe ser un informe técnico o que determine se as obras de ADIF se corresponden ou non co proxecto que prevía unha ampliación ata os 8,5 metros de ancho, con dous carrís de circulación e beiravías para peóns. “Se o informe detecta deficiencias, instaremos a ADIF de xeito inmediato a que mellore a ponte para facilitar o tránsito de vehículos e garantir a seguridade”, afirmou a alcaldesa. O proxecto orixinal contemplaba substituír o vello paso de 5 metros por unha plataforma moderna co obxectivo de gañar en mobilidade e seguridade. Rivas advirte que Concello non permitirá “que o resultado final quede por debaixo das melloras proxectadas”.
Atrasos e prexuízos para a veciñanza
Dende que comezaron as obras de renovación da ponte, en setembro do ano pasado, a veciñanza da Portela está a sufrir as consecuencias do peche do paso superior sobre a vía do tren. Os traballos estanse a demorar moito máis do previsto. O peche do acceso obriga aos residentes a realizar un rodeos de varios quilómetros para chegar aos seus domicilios, unha situación que a alcaldesa cualificou como un “grave prexuízo”.
