– A actuación, que contou cun investimento de máis de 21.500 euros, foi financiada a través dos Orzamentos Participativos tras a solicitude do Consello Parroquial. A intervención resolve o deterioro dunha vía que era de terra e mellora a seguridade de peóns e vehículos.
O Concello de Redondela deu por finalizadas as obras de acondicionamento e pavimentación do camiño de Zabarís, na parroquia de Ventosela. Esta intervención, que supuxo un investimento superior aos 21.500 euros, permite transformar o que ata agora era un camiño de terra nunha vía asfaltada e segura para o uso veciñal.
O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, visitou a zona para comprobar o resultado dos traballos. A alcaldesa, Digna Rivas, amosou a súa satisfacción polo cumprimento dun compromiso adquirido coa parroquia, lembrando que esta obra “é o resultado directo dos Orzamentos Participativos, atendendo a unha demanda prioritaria do Consello Parroquial de Ventosela para facilitar as comunicacións e a mobilidade na zona”.
Os traballos actuaron sobre unha superficie total de 540 metros cadrados. Debido ao estado de deterioro e aos desniveis que presentaba o firme orixinal, procederase primeiro ao nivelado e regulación do terreo para, posteriormente, aplicar unha capa de plataforma con material granular compactado. A obra culminou cun recrecido asfáltico en quente e a instalación dunha beiravía de formigón de 30 centímetros en toda a lonxitude do camiño para garantir a durabilidade da actuación e a seguridade dos peóns.
Pola súa banda, Roberto Villar subliñou que con este remate “seguimos avanzando na folla de ruta do Goberno local para dignificar os camiños e estradas das parroquias”. O concelleiro destacou que a mellora de Zabarís non só favorece a circulación de vehículos, senón que elimina problemas de asolagamentos e fochancas que dificultaban o tránsito diario. Esta actuación súmase a outras intervencións de mellora de infraestruturas que o Concello de Redondela está a executar en todo o municipio, combinando o uso de fondos propios e doutras administracións cos mecanismos de participación cidadá para priorizar as necesidades reais de cada barrio.
