Skip to main content

Concello de Redondela

Deportes

A área de Deportes do Concello de Redondela ofrece a posibilidade de realizar as reservas de pistas de tenis e pádel, a través de Internet mediante o servizo de reservas en liña. A través desta páxina terás dispoñibilidade da nosa axenda para que poidas solicitar reserva previa comodamente sen esperas e 24 horas ao día e 7 días á semana.

Para darte de alta no sistema, achégate ao Departamento de Deportes do Concello.

Lei 3/2012, do 2 de Abril, do deporte de Galicia

Contacta

– O Concello de Redondela celebrou un acto oficial de recoñecemento para entregar o diploma “Orgullo Redondelán” ao xove deportista local Iker Viéitez Domínguez. Coa entrega deste distintivo, a administración municipal homenaxea publicamente a súa brillante traxectoria no ciclismo en Pumtrack e, de forma moi especial, o seu recente título como subcampión de España 2026.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro de Deportes, Antonio Cabaleiro, foron os encargados de facer entrega desta distinción en representación de toda a corporación local. No acto Iker estivo arroupado pola súa familia e concelleiros da corporación municipal.

Con só 14 anos de idade, Vieitez acumula un palmarés excepcional que non para de medrar. Campión Galego nos anos 2024 e 2026, subcampión en 2025 e 3º en 2023. Na Copa Galicia, logrou o título en 2025, o subcampionato en 2024 e marcha provisionalmente en 2ª posición nesta tempada 2026 que aínda se está a disputar. A nivel estatal, tras conseguir un meritorio 4º posto en 2025, este ano acadou o podio ao proclamarse Subcampión de España 2026 na categoría Infantil.

A alcaldesa, Digna Rivas, amosouse moi orgullosa do fito acadado polo mozo: “Iker é o claro exemplo de que con traballo, constancia e ilusión non hai metas imposibles. Para Redondela é unha honra enorme contar con deportistas coma el, que non só levan o nome do noso concello ao máis alto do podio, senón que representan os mellores valores do deporte base e da nosa xuventude”. Rivas quixo facer tamén unha mención especial á súa familia e veciñanza de Vilar de Infesta, “polo apoio que lle brindan no seu día a día”. Pola súa banda, o concelleiro de Deportes, Antonio Cabaleiro, uniuse ás felicitacións pola dedicación e esforzo demostrados, desexándolle a mellor das sortes para os futuros retos sobre a bicicleta.

Digna Rivas e Antonio Cabaleiro na presentación coa presidenta co CAR, Ana Romasanta, e os atletas Andrés Corugeira e Gael Couñago.

– Centos de deportistas de todas as idades daranse cita o sábado 12 de setembro en Redondela coa VI Carreira Popular Infantil e a V Contrarreloxo por equipos. As dúas probas, organizadas polo Concello en colaboración co club de atletismo CAR, comezan a partir das 18.00 horas coa proba infantil e ás 20.00 coa contrarreloxo.
– Tanto o Concello como o club animan á cidadanía de todas as idades a sumarse a este evento para gozar dunha xornada de deporte e convivencia. As inscricións están abertas ata o día 9 de setembro as 20:00 horas e realízanse a través de Cronotec.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o concelleiro de Deportes, Antonio Cabaleiro, presentaron esta cita deportiva que coincide co 14º aniversario do CAR. Por parte do club participaron a presidenta, Ana Romasanta. E os atletas do CAR Andrés Corugeira e Gael Couñago. Tanto desde o Concello como desde o club animan aos amantes do atletismo de todas as idades a sumarse a este evento para gozar dunha xornada de deporte e convivencia.

Esta edición da Carreira Popular Infantil está dirixida a nenos e nenas nados entre 2011 e 2024. A rapazada terá que percorrer diferentes distancias segundo as súas idades. Así, a distancia da carreira será para os máis pequenos de 100 metros até os 1.500 metros para os maiores. Tamén se celebra unha Carreira Inclusiva, con categoría única, para persoas con diversidade funcional, sen distinción de idade. As probas comezarán a partir das 18.00 horas na rúa Alfonso XII. A meta estará situada na mesma rúa, fronte á Casa do Concello. Nestas carreiras a inscrición é de balde. A oito días de que peche o prezo xa hai case un cento de participantes.

A Carreira Contrarreloxo por Equipos comezará ás 20.00 horas. Os equipos deberán estar formadas por entre 4 e 6 compoñentes. No caso dos equipos mixtos deberán ser do outro xénero un mínimo de 2 compoñentes. O percorrido terá unha distancia de 5.000 metros que comezará no centro da vila e rematará diante do Concello, onde estará situada a meta. A inscrición inclúe os gastos de xestión e o prezo é de 8,50 euros. O prazo de inscrición con prezo reducido ampliouse ata o venres 4 de setembro, cun custe de 6,50 euros.

INSCRICIÓNS EN CRONOTEC

Establécense premios para os tres primeiros equipos clasificados en cada unha das categorías. O primeiro recibirá unha cesta de produtos gourmet galegos valorada en 150 € e un premio económico de 100 €. O segundo equipo levará unha cesta valorada en 100 € e un vale de 60 € para material deportivo. O terceiro clasificado recibirá unha cesta de produtos gourmet valorada en 75 € e un vale de 40 € para material deportivo.

O evento conta co patrocinio de Rodavigo, Aqualia, Grupo Lirón, Decoraciones Barciela, Talleres Ponteseca, Edusportia e Grupo Damm.

– O Concello de Redondela e o CCD Cesantes presentaron onte a regata, unha das citas con máis historia e prestixio do calendario galego de traiñeiras. As cambiantes condicións do vento na enseada de San Simón fan desta proba unha das máis esixentes e imprevisibles do calendario.

O domingo 2 de agosto, a partir das 10:00 horas, o Porto de Cesantes converterase na capital do remo galego coa celebración da XLI Bandeira Concello de Redondela, proba puntuable para a Liga Galega A de Traiñeiras – Trofeo Xunta de Galicia 2026.

O Concello de Redondela e o Círculo Cultural Deportivo de Cesantes, organizador da regata, presentaron eta tarde a regata no peirao de Cesantes, coa participación do concelleiro de Deportes, Antonio Cabaleiro e a tenente de Alcaldesa, Rita Pérez, xunto a Jorge Crespo e Diego González, da directiva do CCD Cesantes. Trátase dunha das regatas con máis historia e prestixio do calendario galego de traiñeiras. Nesta edición participarán todos os clubs que integran a Liga Galega A de Traiñeiras, ofrecendo un espectáculo deportivo do máis alto nivel nun escenario privilexiado como é a enseada de San Simón.

A Bandeira Concello de Redondela, que alcanza a súa 41ª edición, consolidouse como unha referencia dentro do remo galego, atraendo cada ano a milleiros de afeccionados e contribuíndo á promoción deportiva, turística e cultural do municipio.

O campo de regatas de Cesantes é coñecido no mundo do remo por ser un dos máis esixentes e imprevisibles de Galicia. As cambiantes condicións do vento poden modificar o desenvolvemento da competición en poucos minutos, facendo que a estratexia e a capacidade de adaptación das tripulacións sexan tan importantes como a forza sobre os remos. Esta circunstancia converte cada edición da Bandeira Concello de Redondela nunha proba especialmente atractiva tanto para os deportistas como para os afeccionados.

Desde o Concello e o CCD Cesantes animan á veciñanza e aos afeccionados ao remo a asistir ao Porto de Cesantes para gozar dunha xornada na que volverán darse cita o deporte, a tradición mariñeira e o mellor ambiente.

Datos da proba

• Data: Domingo, 2 de agosto de 2026.

• Hora de inicio: 10:00 horas.

• Lugar: Porto de Cesantes (Redondela).

• Competición: XLI Bandeira Concello de Redondela.

• Campionato: Liga Galega A de Traiñeiras – Trofeo Xunta de Galicia 2026.

There is no Event

Deportes

No Descargas found!

    De interese...

    INSTALACIONS DEPORTIVAS

    ESPAZOS ABERTOS

    RESERVA DE PISTAS

    SUBVENCIÓNS

    Concello de Redondela, a través do seu Concellería de Deportes,, nos termos que dispón a presente lei, a lexislación de réxime local e a lexislación sectorial do Estado, exercerá no seu correspondente ámbito territorial as seguintes competencias:

    Fomentar, promover e difundir o deporte, especialmente o deporte en idade escolar.

    1. Promover e, no seu caso, executar, no ámbito da súa competencia, os programas xerais do deporte, mediante a coordinación coa Administración autonómica, así como coa colaboración con outros entes locais, federacións deportivas galegas ou outras asociacións deportivas.
    2. Construír, xestionar, ampliar e manter as instalacións deportivas de titularidade municipal e, no seu caso, a xestión e mantemento das de titularidade autonómica cuxo uso e xestión sexanlles cedidos, tendo en conta a cualificación adecuada do persoal responsable para esas finalidades.
    3. Velar pola plena utilización das instalacións deportivas da súa titularidade, procurar a participación das asociacións deportivas do seu ámbito municipal na optimización do uso destas e coidar as súas condicións de hixiene e seguridade.
    4. Fomentar e apoiar a creación de asociacións deportivas no seu ámbito territorial, especialmente nos centros de ensino, barrios e centros de traballo.
    5. Procurar que nos plans de ordenación urbanística establézanse as reservas de espazos e cualificacións de zonas para a práctica do deporte, así como a instalación de equipamentos deportivos e levar un censo actualizado no seu ámbito territorial de instalacións deportivas de uso público, tanto de titularidade pública como privada.
    6. Autorizar, de conformidade cos requisitos xerais, a realización de actividades deportivas fose das instalacións deportivas e en patrimonio público municipal.
      Organizar campionatos e eventos deportivos de carácter local.
    7. Calquera outra actuación que redunde en beneficio do desenvolvemento deportivo local ou que lles poida ser atribuída legal ou regulamentariamente e que contribúa aos fins ou obxectivos da presente lei.
    8. Contará cunha área de deportes, que poderá ser mancomunada, para contribuír a levar a actividade físico-deportiva a toda a cidadanía e garantir o pleno aproveitamento social das instalacións.

    Compartir