Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

A Concellería de Igualdade pon en marcha o Programa Municipal de Conciliación 2021

Concello de Redondela
04-06-2021
0
A Concellería de Igualdade pon en marcha o Programa Municipal de Conciliación 2021

Como novidade, as e os participantes poderán inscribirse, totalmente de balde, por quincenas en lugar de por meses completos como ve viña facendo ata o de agora. A Concellería de Igualdade do Concello de Redondela, que xestiona a alcaldesa Digna Rivas, vén de abrir o prazo de inscrición para participar no Programa Municipal de Conciliación para este ano 2021, unha iniciativa que busca que veciñas e veciños poidan compaxinar a vida laboral e familiar e permitir que as e os participantes poidan gozar de actividades lúdico-educativas no tempo estival.

O prazo de inscrición, totalmente de balde, permanecerá aberto ata o día 14 de xuño. O programa está destinado a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e 12 anos e, no caso de menores con necesidades educativas especiais, avaliarase cada solicitude de xeito individual.

Como novidade para esta edición 2021, a Concellería de Igualdade abre a posibilidade da inscrición por quincenas en lugar de facelo por meses enteiros como acontecía en edicións anteriores. “Hai familias –explica Digna Rivas– que polas súas circunstancias laborais so precisan que os seus fillos e fillas estean un mes enteiro no programa e, con esta novidade na inscrición, atendemos as súas demandas”. O novo sistema permite, a maiores, que participen un maior número de nenos e nenas e, polo tanto, aténdase ás necesidades de conciliación de máis familias.

O Programa desenvolverase durante os meses de xullo e agosto en centros educativos das parroquias de Cabeiro, Cedeira, Cesantes, Chapela, Quintela, Reboreda e Redondela, ofertándose un total de 240 prazas. Nese sentido Digna Rivas subliñou que esta distribución de emprazamentos “permite achegar á iniciativa ás parroquias e poder ofrecer ás nenas e nenos espazos abertos que supoñen unha garantía adicional fronte á actual situación de pandemia”.

En todo caso, explicou a alcaldesa e concelleira de igualdade, o número de prazas estará suxeito á normativa e medidas ditadas polas autoridades competentes na materia por motivo da Emerxencia sanitaria polo COVID 19, pudendo sufrir variacións.

O horario será de 09:00 a 14:00 horas, de luns a venres e, tanto o horario coma os meses nos que se levará a cabo o programa, estarán suxeitos á normativa e medidas ditadas polas autoridades competentes na materia por motivo da Emerxencia sanitaria pola COVID-19, pudendo sufrir variacións.

Amais de permitir a conciliación da vida laboral e familiar, este programa permite que nenos e nenas teñan acceso ao mundo das actividades lúdico-educativas, poñéndoos en contacto con outros rapaces e rapazas, ampliando o seu círculo de amizades habituais e participando en iniciativas que contribúen a inculcar valores como o respecto, á diversidade, o traballo en equipo e a solidariedade.

Este ano, como resposta ás demandas e necesidades actuais das familias, foi necesario adaptar o Programa á nova realidade e situacións xurdidas pola COVID-19, modificando os requisitos para adxudicación de prazas acorde coa situación laboral das familias e adaptando a ratio de atención, o número de prazas e o desenvolvemento do Programa ás normativas, obrigas e recomendacións que diten as autoridades competentes no tratamento da pandemia.