O noso patrimonio

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Patrimonio Cultural

Arquitectura Civil

Os Viadutos

Redondela é coñecida como “A vila dos Viadutos”. Cruzan a nosa vila dous viadutos, que dende a súa creación, ata hoxe, cargan a vila dun valor histórico e cultural moi importante.

Viaduto Pedro Floriani

Tamén coñecido como viaduto de Madrid, é o máis antigo. A súa construción combinou a técnica, daquela vangardista, do ferro forxado, metal co que está feito o taboleiro e a estrutura de celosía sobre a que se sostén, e a tradicional cantería dos piares sobre os que descansa toda a armazón metálica. A súa construción iniciose en 1872 e foi inaugurado o 30 de xuño de 1876. Ten unha lonxitude de 318 metros e foi considerado por moitos enxeñeiros como a infraestrutura máis importante do século XIX en Galicia. O subcontratista, Pedro Floriani, botouse do viaduto cando lle dixeron que non cobraría porque non podería entrar en servizo. Floriani non chegou a consumar a súa tentativa de suicidio e puido ver os trens circular polo viaduto. Funcionou dende 1876 como parte da liña que unía Vigo e Ourense, abandonado por Renfe en 1975.

Viaduto de Pontevedra

O viaduto de Pontevedra é unha das dúas pontes ferroviarias que atravesan o centro da vila. Foi inaugurado o 30 de xuño de 1884. Foi proxectado polo enxeñeiro e arquitecto Mariano Carderara Ponzán, como prolongación do trazado de Pontevedra ata Redondela e Vigo. Máis curto que o viaduto de Madrid, o de Pontevedra diferénciase tamén en que o taboleiro metálico está soportado sobre piares metálicos. En 1899, coa apertura do tramo Carril-Pontevedra, foi posible viaxar dende Santiago a Vigo ou dende Santiago a Madrid. A día de hoxe segue en perfecto fucionamento.

Os pazos redondeláns

Casa da Torre

Histórico edificio do século XVI que hoxe realiza as funcións de albergue para peregrinos. É un edificio destacado pola súa arquitectura e tamén polo seu uso cultural.

Neste albergue préstanse diversos servizos aos peregrinos ao seu paso por Redondela: almacén de bicicletas, auga quente, caixa de primeiros auxilios, calefacción central, cociña, comedor, duchas, frigorífico, lavandería, máquina de café, sala de reunións, tendedeiro e terraza.

Pazo de Petán

Nel aínda se conservan algunhas partes que datan do século XIV. Ten capela, torreón e chafariz. Na fachada leva o brasón dos Prego de Montaos. Foi fundado no século XVII por García Prego de Montaos e Sarmiento, e foi coñecido nun principio como Granxa de Vilavella. O industrial José Regojo mercouno en estado ruinoso e converteuno na súa vivenda; dende entón pertence á súa familia. Recentemente foi restaurado o seu interior.

Pazo do Pousadouro

Pazo do século XVII que foi restaurado nos anos 50 no seu interior, sen alterar apenas o seu aspecto exterior. Trazado sobre unha planta en L de tres alturas, cunha torre ameada nun dos seus extremos. Cómpre salientar a escaleira presidida por Santiago Apóstolo e que remata nun pequeno patín, a capela, un hórreo e unha fonte de gran beleza, todo eles en bo estado de conservación.

Ademais de servir de escenario para varias películas, nos últimos anos vénse gravando no seu interior o programa de cociña da TVG "Larpeiros".

Pazo Torres-Agrelo

O Pazo Torres-Agrelo atópase na parroquia de Reboreda, no Camiño Portugués a Santiago, e remóntase a 1750. Está encravado nun xardín de 80.000 m² con multitude de zonas paisaxísticas e especies arbóreas únicas en Galicia. Destacan as súas dúas torres ameadas, os seus estanques, as fontes e a capela.

Foi convento de franciscanos, refuxio na Guerra Civil e hospital na Segunda Guerra Mundial, do que se conservan vestixios nos quilómetros de covas subterráneas que conectan as construcións entre si. Na actualidade está dedicado á celebración de eventos e vodas.

Pazo de Reboreda

Foi fundado a finais do século XVII por García Prego de Montaos, e modificado posteriormente; mantén un bo estado de conservación. Está comunicado coa igrexa parroquial de Reboreda por unha pasaxe elevada. Ten tellado a dúas augas, construído con perpiaño e cachotaría. Na súa fachada destacan dous brasóns e un hórreo na finca.

Pazo de Torre-Cedeira

Considerada unha das mellores casas señoriais de Galicia, sitúase fronte á Ría de Vigo, na parroquia de Cedeira.

Construído no século XVII pola familia Pestaña Chamucero e reformado no século XVIII. Foi propiedade, entre outros, de Manuel Bárcena e Franco que foi alcalde de Vigo, senador e fundador da Caixa de Aforros de Vigo; en 1891, a Raíña Rexente concédelle o título de Conde de Torrecedeira, de aí o nome do pazo.

O pazo conta cun fermoso parque no que medran carballos centenarios.

Pazo de Soutoxuste

Situado na parroquia do Viso, deste pazo só se conserva parte da súa muralla e dos muros. A súa orixe suponse do século XVII ou XVIII, e o pazo contaba cunha capela dedicada a San Vicente, da cal só quedan unhas pedras encaixadas nos seus muros; a capela consérvase na actualidade pero cambiou a súa localización.

O pazo encóntrase en estado ruinoso agás a torre, que é hoxe unha vivenda particular polo que perdeu gran parte da súa estrutura orixinal; non obstante aínda quedan motivos arquitectónicos que demostran a súa antigüidade.

Meirande - Centro de Interpretación de Rande

O Centro de Interpretación da Batalla e do Patrimonio Cultural de Rande, o Meirande, ten como misión sensibilizar e concienciar á cidadanía da enorme riqueza non só artística, senón tamén, soocio-cultural e paisaxística da zona; e ante todo a necesidade de darlle valor e recoñecela. Ademais pretende ser un punto de encontro e de conexión directa coa veciñanza para que poida verse reflectida no proxecto, aumentando deste xeito o carácter identitario do mesmo.
En sí, o centro ofrece unha viaxe cara ao pasado, que deixará a nenos e maiores abraiados con toda a historia que rodeu noutra época os muros do Meirande.

PATRIMONIO HISTÓRICO - RANDE

A Ponte de Rande

A Ponte de Rande é unha ponte de tirantes con cables de aceiro que une os municipios de Moaña e Redondela, na Ría de Vigo, a 18 quilómetros de Pontevedra capital e 9 quilómetros de Vigo. Foi proxectado polo enxeñeiro italiano Fabrizio de Miranda, os españois Florencio del Pozo e Alfredo Passaro. Inaugurado en 1978 foi aberto ao tráfico de vehículos en 1981.

Mide 1.558 m de lonxitude total, aínda que nesta cifra se combinan os tramos de ponte sobre piares e a ponte tensada propiamente dita, que mide 695. Con estas dimensións, no momento da súa construción, foi unha das pontes cun maior van central do mundo dentra desa tipoloxía concreta de pontes de cables tirantes; ademais foi daquela a segunda ponte máis longa de España. Actualmente segue sendo unha obra de enxeñaría emblemática da ría de Vigo.

Antigo Patrimonio Industrial

A nosa vila gozou ao longo do século XX dunha riqueza industrial moi importante, tanto é así que podemos atopar a día de hoxe varios puntos de interese relacionados coa industrialización.

Na marxe da ribeira sur da enseada de San Simón asentaronse un cargadoiro de mineral, unha fábrica de conservas, unha metalúrxia  e unha fábrica de salazón de peixe que, posteriormente, transformouse nunha fábrica conserveira.

A I.M.E. (Industria Metalífera Española) situada na Punta do Socorro (A Portela) foi unha metalurxia non férrea datada na década de 1920.

O cargadoiro Cotto-Wagner, datado o seu inicio nos 60 e o seu peche nos 80, foi destinado para realizar a carga de toda a materia prima extraída nas minas de carbón e de ferro da empresa Minerosiderúrxica de Ponferrada S.A.

A Regasenda foi unha fábrica de salazón de peixe que estivo en funcionamento  case  douscentos anos. Hai datos do seu funcionamento inclusive do século XVIII e o cese da súa actividade chega na década dos 60, pasada a metade do século XX.

A Fábrica do Alemán, que hoxe en día acolle o Centro de Interpretación da Batalla de Rande, foi unha fábrica de salazón no seu inicio máis na Segunda Guerra Mundial pasou a ser propiedade do alemán Otto Getdzen Boyé, cambiando a súa activiade pola  dunha conserveira. Ademais deste cambio nos seus exercicios a fábrica converteuse nunha tapadeira de transporte de wolframio para a Alemaña nazi.

Arquitectura relixiosa

Igrexa de Santiago Apóstolo

Orixinaria do século XV, sufriu varias ampliacións ata o século XVIII. É a igrexa parroquial de Redondela e sitúase na parte máis elevada da vila. A súa advocación é Santiago e ten unha imaxe do Apóstolo a cabalo coroando a fachada, e no interior, unha talla de Santiago Peregrino. Distínguense cinco capelas no seu interior dedicadas a San Sebastián, San Bieito, a Inmaculada, o Nazareno e as Ánimas.

Nesta igrexa obtéñense dous selos para a credencial, a desta parroquia e a de Santiago de Vilavella.

Convento de Vilavella

Edificio conventual da Orde das Xustinianas fundado a comezos do século XVI. Desta época consérvase unicamente a Igrexa Conventual, composta por unha ábsida e unha soa nave, dividida en cinco tramos que se corresponden ao exterior con outros tantos contrafortes.

As últimas monxas deixaron o convento nos anos 50. Dende hai uns anos o convento converteuse nun centro hoteleiro para eventos como vodas e banquetes.

Capela de Santa Mariña ou das Angustias

O tramo urbano do Camiño de Santiago ao seu paso por Redondela remata na capela de Santa Mariña, unha construción de reducidas dimensións e planta case rectangular edificada a comezos do século XVIII. Conta coa típica porta barroca e destaca na súa fronte un rosetón de catro pétalos.

Posúe unha torre-campanario dun só tramo, que remata nunha cúpula e que ten un reloxo de sol na súa parte dereita. Nun principio dedicouse ao Espírito Santo e ata 1904 pertenceu á parroquia de Cesantes, pero logo incorporouse ao centro urbano. En 1910 mercou a figura de Santa Mariña, que como todas as que había naquela época na capela era obra do artista Núñez.