Medio Ambiente
A área de Medio Ambiente do Concello de Redondela encárgase de xestionar a infraestrutura verde municipal e a protección e conservación do medio ambiente urbano.
Contacta
- 986 400 300
- medioambiente@redondela.gal
- Rúa Alfonso XII, 2, 36800 Redondela, Pontevedra
- Laborales 9:00-14:00 horas
- Novas
- Axenda
- Descargas
O concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez, xunto a un dos depósitos ilegais de cascallo na Formiga, Cedeira.
– As inspeccións confirman que os residuos proceden de actividades de construción e reformas. Os vertidos rexistráronse en Cedeira, Chapela e Redondela. Entre os restos atópanse cascallos, electrodomésticos, mobles e material de obra que deberían trasladarse a plantas de reciclaxe. Estes vertidos supoñen unha infracción e a ordenanza municipal contempla multas de ata 3.000 euros para as máis graves.
– O concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez, sinala que desde o Concello son conscientes de que existen máis puntos de vertidos e fai un chamamento á colaboración veciñal “para localizar e denunciar ás persoas responsables de facer este tipo de verteduras ilegais en espazos públicos”.
O Concello de Redondela ten en marcha varias investigacións por vertidos incontrolados na vía pública en diferentes puntos. O concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez, explica que pola tipoloxía e o volume dos materiais atopados, a orixe destes vertidos non corresponde a particulares, senón a actividades empresariais e profesionais “que esquivaron de xeito ilegal a normativa”. Entre os restos localizados destacan cascallos de reformas e construción, ventás e tubos, así como mobles e electrodomésticos de liña branca. Este material debe levarse a plantas de reciclaxe a través dun xestor autorizado. Os últimos puntos de vertidos localízanse na zona da Formiga e na N-552, en Cedeira, na zona de Pasán, en Chapela, e no camiño da Subida á Estación Vella, en Redondela.
Dende o Goberno local cualifican estes actos como “atentados ecolóxicos ” que non só danan a imaxe do municipio e o seu medio natural, senón que tamén supoñen un grave risco de contaminación. As pescudas avanzan e, nun dos catro casos analizados, a Policía de Medio Ambiente do Concello dispón de datos sobre un vehículo investigado como presunto responsable de transportar e depositar os refugallos de forma clandestina. O concelleiro de Medio Ambiente agradece a colaboración cidadá “que está a dar os seus froitos” e destaca a gran labor policial de investigación na identificación dos infractores. Álvarez sinala que no seu departamento son conscientes de que existen máis puntos de vertidos e fai un chamamento á colaboración veciñal “para localizar e denunciar ás persoas responsables de realizar vertidos ilegais en espazos públicos”.
O Concello lembra que as sancións por realizar vertidos industriais non autorizados poden alcanzar contías moi elevadas, ademais da obriga legal de restituír o terreo ao seu estado orixinal. No caso das infraccións leves a ordenanza municipal contempla multas de ata 750 euros, para as infraccións graves ata 1.500 euros, e no caso das moi graves as sancións poden chegar aos 3.000.
Residuos no paseo do Pexegueiro
A Concellería de Medio Ambiente deu traslado ao Ministerio de Transportes e ao Administrador de Infraestruturas Ferroviarias ( Adif ) dos residuos atopados nun tramo do paseo do río Pexegueiro, en Cesantes. Estes organismos son os propietarios dos terreos, na beira da estrada nacional e a liña de tren. Recentemente realizaron traballos de tala e roza de maleza na zona, o que deixou á vista gran cantidade de lixo.
Servizo de recollida de residuos voluminosos para particulares
Para o depósito de residuos voluminosos, mobles, colchóns, electrodomésticos, etc. existe un servizo de recollida a domicilio sinxelo e gratuíto para os veciños e veciñas particulares. Tan só é preciso contactar con Urbaser no teléfono 986.388.111, de 9 a 14 horas, onde os informarán do día e lugar para depositar os residuos. No caso de empresas a normativa autonómica establece que deben retirar os seus residuos a través de xestores autorizados.

– Redondela pon en marcha medidas para restrinxir o consumo de auga potable nos servizos onde non sexa imprescindible. As duchas e lavapés dos areais do municipio quedan fóra de servizo, o baldeo de rúas con auga potable suspéndese temporalmente e redúcese ao mínimo o rego de xardíns públicos.
– Desde o Concello solicítase a colaboración de toda a cidadanía para facer un uso responsable da auga. A recomendación é evitar usos prescindibles como o lavado de vehículos con mangueira, o cheo ou recheo de piscinas privadas e o rego excesivo de hortas e xardíns particulares.
O Concello de Redondela activou un paquete de medidas urxentes de aforro de auga potable en todas as dependencias e espazos públicos do termo municipal. Esta decisión aplícase logo do comunicado oficial da empresa responsable do subministro no que se advirte que o nivel de reservas do encoro de Eiras está por do volume rexistrado nestas mesmas datas en anos anteriores.
O Goberno local quere aclarar que, a día de hoxe, o municipio non está incluído na listaxe de Concellos que a Xunta de Galicia sitúa en estado de prealerta por seca. Con todo, a alcaldesa sinala que estas restricións se adoptan “por estrita precaución e responsabilidade anticipada, co obxectivo de evitar que a situación das reservas empeore nas vindeiras semanas”, explica Digna Rivas.
As primeiras accións preventivas inclúen o peche inmediato do subministro nas duchas e lavapés de todas as praias do municipio. Así mesmo, os servizos municipais suspenderon temporalmente o baldeo de rúas co uso de auga potable e clausuraron o funcionamento das fontes ornamentais. O rego de xardíns e zonas verdes públicas queda restrinxido ao mínimo indispensable para garantir de forma exclusiva a supervivencia da vexetación.
Dada a conxuntura climática, o Concello reitera o seu chamamento á colaboración e á sensibilidade de toda a veciñanza e dos visitantes. Solicítase realizar un uso responsable e controlado da auga tamén no ámbito doméstico evitando usos prescindibles como o lavado de vehículos con mangueira, o cheo ou recheo de piscinas privadas e o rego excesivo de hortas e xardíns particulares. Rivas insiste en que “coidar as reservas actuais é o único camiño para protexer o abastecemento humano e evitar futuras limitacións máis drásticas”.
O Concello de Redondela autorizou máis de 70 fogueiras que arderán a partir desta medianoite para celebrar a tradicional festa de San Xoán.
Oito destas cacharelas están organizadas por centros culturais e asociación veciñais e deportivas. Son abertas ao público e contan con actividades paralelas de animación con música, sardiñada e outras ofertas gastronómicas. Trátase das fogueiras situadas en Cabeiro, Cesantes, Santo Estevo de Negros, Miñoteira (Ventosela), Quintela, Meirande (Rande), Soutoxuste e Tuimil (Viso).
Tamén haberá festa de San Xoán no paseo de Cardona, pero neste caso sen fogueira.
A maiores autorizáronse tamén máis de 60 fogueiras que se prenderán en leiras particulares.

Analíticas
- Analíticas de Fuentes
- Analíticas de Playas
Análise de auga potable da fonte Lavadero de la Quintana, parroquia de Reboreda
Agenda 21 - Redondela
A Axenda 21 é un plan de acción das Nacións Unidas para un desenvolvemento sustentable no século XXI, aprobado por 173 gobernos na Conferencia sobre Medio Ambiente e Desenvolvemento que tivo lugar en Río de Janeiro en 1992.
A Axenda Local 21 é un proceso a implantar e desenvolver polas Entidades Locais que se basea na integración das políticas ambientais, económicas e sociais do concello a través da elaboración e aplicación dun Plan de Acción Local.
Sumarse a esta iniciativa supón, xa que logo, o compromiso municipal de estimular o desenvolvemento de medidas encamiñadas a facer compatibles a conservación do medio co desenvolvemento social e económico do propio concello. Supón ademais facelo dun xeito estruturado e planificado o que implica unha actuación transversal coa participación da totalidade das áreas da Administración local.
A Axenda 21 Local é un proceso aberto e creativo que cada concello define baseándose na súa realidade e nos seus condicionantes.