Concello de Redondela

Urbanismo

A Área de Urbanismo do Concello de Redondela encárgase da actuación urbanística, incluíndo a planificación, as licenzas, as disciplinas urbanísticas, a conservación de edificios, os proxectos e as obras municipais.

Contacta

– A actuación presentouse aos fondos provinciais do programa Vía Depo e amplía as melloras planificadas inicialmente. O novo deseño técnico inclúe a construción de muros de contención en ambas as dúas marxes e o rebaixe do talude, o que amplía a calzada e garante unha seguridade total. O orzamento ascende a 146.372 euros.
– A alcaldesa, Digna Rivas, destacou o esforzo do Goberno local por perfeccionar o deseño antes de remitilo á administración provincial. “Non nos limitamos a poñer un parche onde caeu a terra, dende o Concello traballamos para mellorar o plan inicial co obxectivo de ofrecer unha solución definitiva e integral á veciñanza”, sinala Rivas.

O Concello de Redondela pon en marcha do proxecto de reparación urxente e mellora estrutural do camiño da Milixosa, na parroquia de Cabeiro. O Goberno municipal presentou formalmente esta actuación ante a Deputación de Pontevedra para o seu financiamento a través do programa Vía Depo, cun orzamento total de contrata que ascende a 146.372,49 euros. A novidade do proxecto definitivo radica na mellora técnica respecto ao plan inicial previsto. A proposta final non só contempla o levantamento do muro de contención na marxe dereita en sentido ascendente —zona que sufriu o colapso e desprendemento de terras por mor dos fortes temporais de choiva—, senón que estende as garantías de seguridade á marxe esquerda. Nesta outra banda da vía, os traballos incluirán o rebaixe do talude existente e a execución dunha nova barreira cun petril de pedra de granito de 50 centímetros de alto.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou o esforzo do Goberno local por perfeccionar o deseño antes de remitilo á administración provincial. “Non nos limitamos a poñer un parche onde caeu a terra; dende o Concello traballamos para mellorar o plan inicial co obxectivo de ofrecer unha solución definitiva e integral. Con esta ampliación que abarca ambas as dúas marxes do camiño Milixosa, os veciños de Cabeiro contarán cunha vía moito máis segura, robusta e adaptada ás necesidades da parroquia”, sinala a rexedora.

Unha actuación ambiciosa en ambas marxes

O Concello optimiza a axuda provincial cunha reforma integral nun tramo de 80 metros de lonxitude que quedara moi danado. Na marxe dereita, o muro de contención na base do talude acadará alturas variables de entre 1,50 e 5 metros, asentado sobre unha cimentación robusta de ata 4,50 metros de profundidade para evitar novos movementos de terra.

O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, incidiu nos detalles técnicos que xustifican a intervención na marxe esquerda: “As intensas choivas amosaron a vulnerabilidade de todo o contorno da vía. Coo rebaixe do talude esquerdo e o novo petril de pedra, estabilizamos o terreo fronte a futuros temporais e tamén ampliamos a calzada ata un ancho medio de 7,50 metros, optimizando a drenaxe e mellorando a seguridade na circulación de vehículos e peóns”.

– O Concello de Redondela presentou as súas alegacións á proposta de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios do Porto de Vigo. A alcaldesa reitera o seu rexeitamento á ampliación de usos comerciais e industriais no litoral de Chapela e Rande. O Goberno local demanda ao Porto que compatibilice actividade económica coa protección ambiental e o uso público do litoral.
– Rivas reitera a necesidade de garantir a protección do patrimonio cultural, da paisaxe e da contorna natural da enseada de San Simón. O Concello reclama que neste tramo do litoral a Autoridade Portuaria avance “cara a un modelo máis equilibrado priorizando a recuperación ambiental fronte aos usos de almacenaxe e apoio loxístico”.

O Concello de Redondela presentou formalmente as súas alegacións á proposta final recollida no Estudo Ambiental Estratéxico (Alternativa 4) de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP) da Autoridade Portuaria de Vigo. O Goberno local reitera o seu rexeitamento ao mantemento e ampliación de usos comerciais e industriais no litoral de Chapela e Rande. A alcaldesa, Digna Rivas, trasladou á Autoridade Portuaria a necesidade de revisar a proposta para garantir a protección do patrimonio cultural, da paisaxe e da contorna natural da enseada de San Simón. Desde o Concello considérase que o documento mantén un modelo centrado na actividade loxística e industrial que resulta incompatible coa recuperación ambiental do litoral para que a cidadanía poida gozar destes espazos. En especial, o Goberno local insiste na necesidade de actuar sobre a contorna do Peirao de Pedra e do cargadoiro de mineral de Coto-Wagner. Rivas insiste no elevado valor patrimonial, histórico e paisaxístico destes espazos. O Concello reclama que neste tramo do litoral a Autoridade Portuaria avance “cara a un modelo máis equilibrado de relación porto-cidade, priorizando a recuperación ambiental, a integración paisaxística e a posta en valor do patrimonio fronte aos usos de almacenaxe e apoio loxístico”. Así mesmo, o Concello solicita reducir a superficie destinada a usos complementarios industriais na zona, revisar a delimitación prevista e incorporar medidas efectivas de rexeneración ambiental que melloren a calidade de vida da veciñanza de Chapela e Rande. Con este escrito, o goberno municipal reafirma o seu compromiso coa defensa do litoral de Redondela, a conservación do seu patrimonio e a procura dun modelo sustentable “que compatibilice actividade económica, protección ambiental e uso público do bordo marítimo.

– O xestor ferroviario acepta a petición da alcaldesa e substituirá os pretiles de formigón por uns metálicos máis estreitos. Digna Rivas amosa a súa satisfacción por este cambio que permite ampliar a calzada de 4 a 6 metros e dar resposta ás demandas veciñais.
– A modificación na estrutura supón “un acto de xustiza para o barrio” e garante que a veciñanza vai ter un paso “que realmente cumpre coas súas necesidades do día a día”, afirma a alcaldesa. O ancho da calzada amplíase desde os 4 ata os 6 metros, permitindo un tránsito fluído de vehículos e peóns.

O Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) aceptou os cambios propostos polo Concello para mellorar a circulación de vehículos e peóns no paso elevado da Portela. O xestor ferroviario confirmou oficialmente á alcaldesa a viabilidade técnica para ampliar o paso superior do camiño A Portela ata os 6 metros de ancho. Esta decisión responde ao escrito remitido desde o Concello a Adif no que se solicitaba unha mellora sobre o proxecto aprobado en decembro de 2023.

A alcaldesa amosou a súa satisfacción por este logro. “Conseguimos que Adif atendese as demandas dos veciños e veciñas”, declarou a rexedora. Rivas fixo fincapé en que este cambio estrutural supón “un acto de xustiza para o barrio”. A modificación do proxecto garante que a veciñanza da Portela teña un paso “que realmente cumpre coas súas necesidades do día a día e que os veciños merecen, logo de soportar durante meses unhas obras que lles causaron moitas molestias”, recalcou. A alcaldesa informou á veciñanza da Portela dos cambios no proxecto tan pronto chegou ao Concello a documentación oficial”. Rivas agradeceu tamén a Adif a súa disposición técnica para escoitar as demandas do Concello e dos veciños. “Demostrase que, cando se fan peticións con argumentos e pensando no ben común, as cousas saen adiante”.

Detalles técnicos do novo proxecto

O proxecto inicial de Adif contemplaba un ancho de calzada de 4 metros protexido por pretiles de formigón. Tras estudar a petición municipal o equipo técnico de Adif determinou que é viable reubicar os elementos na calzada, malia estar xa a obra avanzada. Para logralo, substituirán os bloques de formigón por pretiles metálicos máis estreitos, o que permite gañar 2 metros. Con este cambio, o paso superior amplíase a sección ata os 6 metros, cunha calzada compartida para tráfico rodado e peonil, sen beirarrúas elevadas. O resultado adáptase ao deseño do camiño antes e despois da ponte. Adif informou tamén que a instalación da valla antivandálica manterase de forma obrigatoria por estrita normativa de seguridade ferroviaria.

As obras atópanse actualmente en execución dentro do proxecto de renovación integral da liña Monforte de Lemos – Bifurcación Chapela.

Urbanismo

Planificación e Desenvolvemento Urbano

Private Arquivo – Access Forbidden

De interese

TRÁMITES

CARTOGRAFÍA - SIOTUGA

ORDENANZAS E REGULAMENTOS

PXOM

CARTOGRAFÍA - SIOTUGA

SIOTUGA

Compartir