Urbanismo
A Área de Urbanismo do Concello de Redondela encárgase da actuación urbanística, incluíndo a planificación, as licenzas, as disciplinas urbanísticas, a conservación de edificios, os proxectos e as obras municipais.
Contacta
- 986 400 300
- urbanismo@redondela.gal
- actividades@redondela.gal
- disciplinaurbanistica@redondela.gal
- tecnicaurbanismo@redondela.gal
- aparellador@redondela.gal
- aparelladora@redondela.gal
- vixilanteobras@redondela.gal
- delineante@redondela.gal
- arquitecta@redondela.gal
- Arquitecta atención con cita: Martes de 9:30 a 13.30 horas (presencial-telefónica) Cita previa
- Rúa Alfonso XII, 2 (planta 2º), 36800 Redondela, Pontevedra
- Información e consulta dos planos: Martes: 9:00 a 14:00 horas (en caso de coincidir en festivo atenderase o día hábil seguinte)
- Consulta rexistros: Laborais de 9:00 a 14:00 horas
- Novas
- Descargas
– O Concello de Redondela e Adif asinan o convenio para a pavimentación e cesión da Avenida da Estación. O organismo ferroviario investirá máis de 582.000 euros na mellora integral antes de transferir a titularidade ao municipio. A pavimentación abrangue unha superficie de case 6.000 m².
– Digna Rivas salienta que a obra resolve unha demanda veciñal de hai 20 anos polo mal estado do vial. A actuación súmase a outros investimentos millonarias nas infraestruturas ferroviarias de Redondela, coa renovación integral da estación e o novo apeadeiro de Chapela, entre outras melloras.
O Concello de Redondela e Adif pecharon o acordo definitivo para a remodelación integral da Avenida da Estación. A través dun convenio de concesión administrativa, o ente ferroviario asumirá o custe total das obras de pavimentación e adecuación estrutural antes de que o vial pase a ser de titularidade municipal.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, visitou a estrada xunto ao concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, e o Subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada. Rivas destacou a importancia histórica deste convenio: “Damos resposta a unha demanda da veciñanza que levaba máis de 20 anos agardando. A estrada atópase nun estado moi deficiente e era unha prioridade absoluta que Adif asumise a súa reparación antes de entregala ao Concello en perfectas condicións”.
As obras de mellora, que serán executadas pola empresa TRAGSA, contan cun orzamento de 582.268,04 € e un prazo de execución de 3 meses. O proxecto actúa sobre unha superficie de 5.962 m² . O acordo estipula que o Concello asumirá a xestión do vial mediante unha concesión por 75 anos. A entrega oficial non se fará ata que as obras estean rematadas.
Rivas sinala que este compromiso de Adif coa Avenida da Estación non é unha actuación illada, senón que se suma a unha estratexia de modernización integral en Redondela con investimentos que superan os 55 millóns de euros. Entre as principais intervencións destacan a modernización de 7,8 km no tramo Redondela-Bifurcación Arcade para mellorar a fiabilidade da vía. Esta renovación supera os 22,6 millóns. Tamén se renova a conexión con Vigo-Guixar para reforzar o tráfico de viaxeiros e mercadorías cun investimento de 32,7 millóns. Adif mellora os servizos e a accesibilidade na Estación de Redondela. Actualmente están a realizarse as obras cun investimento de 3,3 millóns de euros que inclúe un novo andén central, paso inferior, ascensor e renovación da praza e melloras totais de accesibilidade. A alcaldesa destaca tamén a creación do novo apeadeiro de Chapela cun andén de 220 metro. Deste xeito “recuperamos o transporte ferroviario na parroquia e melloramos a mobilidade da veciñanza tato nas conexións de Chapela con Redondela e Pontevedra como coa cidade de Vigo”.
“Estamos ante o maior esforzo inversor ferroviario da historia de Redondela”, concluíu Digna Rivas, destacando que estas obras non só melloran a seguridade e a capacidade do servizo, senón que garanten unha integración moito máis amable e moderna do tren no noso municipio.

• A actuación transformará 2.300 m² nun espazo de lecer que incluirá un auditorio ao aire libre e un ascensor urbano para mellorar a accesibilidade.
• A alcaldesa, Digna Rivas, destaca que o proxecto “revitalizará unha zona que hoxe é só de paso para convertela nun punto de encontro moderno e accesible”
O Concello de Redondela inicia as obras de remodelación integral da praza da Ponte de Lima. Cun orzamento de 870.000 euros, o proxecto converterá esta área de 2.300 metros cadrados nun espazo público de referencia, integrando o futuro Viveiro de Empresas da Zona Franca. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, sinalou que esta actuación vai “revitalizar e renovar un gran espazo para uso da cidadanía que agora se utiliza só como zona de paso”. O deseño aposta pola humanización e a naturalización, conservando elementos senlleiros como a árbore existente e a pérgola coa parra, que se combinarán co novo pavimentos e zonas verdes.
Esta semana reuníronse os responsables da dirección das obras co departamento de Urbanismo do Concello e a Policía Local para coordinar os traballos. Conscientes de que se trata dunha zona de paso “clave” no centro da vila “deseñouse un plan de actuación para minimizar o impacto no día a día da cidadanía”, explica a alcaldesa. O obxectivo prioritario é compatibilizar o avance dos traballos co mantemento dunha contorna “segura e accesible”. Rivas agradece de antemán a comprensión e paciencia da veciñanza, reiterando que esta actuación é “fundamental” para a mellora e o futuro do noso centro urbano. O venres comezaron os traballos de acondicionamento do terreo e o traslado da maquinaria.
Mellora da mobilidade cun ascensor urbano
Unha das pezas clave do proxecto é o ascensor urbano que conectará Ernestina Otero coa rúa Subida á Estación, salvando o forte desnivel que dificulta o acceso peonil. “Agora é moi complicado acceder a pé desde o centro da vila pola elevada pendente, especialmente para persoas con mobilidade reducida”, explica Rivas. O ascensor facilitará o traxecto a pé ás vivendas e servizos da zona (centro de día, escola infantil, centro de fisioterapia).
Novo auditorio ao aire libre
Na parte posterior da parcela, aproveitando a pendente natural do terreo, construirase un auditorio ao aire libre cunha bancada de formigón forrada en madeira. Este espazo terá capacidade para máis de 200 espectadores e servirá de escenario para concertos, teatro e eventos como o Festival Internacional de Títeres.
Espazo sustentable e equipado
A nova praza contará con iluminación LED de alta eficiencia, mobiliario urbano renovado e unha coidada selección de vexetación. Con esta intervención, o Goberno local busca crear unha “antesala moderna” para o Viveiro de Empresas, resolvendo ao tempo os problemas históricos de accesibilidade e dotando á vila dun novo pulmón cultural e social.
O Concello acada os fondos para transformar o camiño de Cidadelle con miradoiros e áreas de descanso
– A alcaldesa explica que o proxecto vai máis aló dunha pavimentación, xa que suporá “unha reforma integral da vía que mellora o tránsito de peóns, pon en valor o entorno e a crea sete miradoiros con zonas de lecer e descanso para a cidadanía”. O goberno local cumpre así cunha demanda “histórica” dos veciños da zona.
– A reforma mellorará un tramo de 1.000 metros de lonxitude actualmente deteriorado e cunha pronunciada pendente. O proxecto presentado polo Concello de Redondela, valorado en máis de 1 millón de euros, acadou os fondos do Plan Extra da Deputación. A subvención cubrirá o 70% da obra, e o Concello financiará o 30% restante.
A reurbanización do Camiño de Cidadelle incluirá a renovación do firme, a mellora da seguridade viaria e a creación de sete miradoiros con áreas de descanso. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que o proxecto non se limita a unha nova pavimentación, senón que será “unha reforma integral da vía cun novo deseño que favorecerá o tránsito de peóns, porá en valor as vistas panorámicas da zona e creará espazos de encontro para a cidadanía”. Esta zona residencial presenta actualmente unha estrutura urbana deteriorada. O proxecto é un investimento estratéxico “que suporá unha clara mellora na calidade de vida da veciñanza coa mellora das comunicacións no barrio, unha vía máis moderna e segura para os peóns e novos espazos públicos. O goberno local cumpre así cunha demanda histórica dos veciños da zona, que levaban dúas décadas reclamando unha vía en condicións. Logo de facer a primeira fase da Subida a Cidadelle en 2024, este ano será a quenda da segunda parte do camiño. A alcaldesa lembra que era “unha das prioridades” do goberno local: transformar esta zona de Cidadelle con espazos públicos que inclúen a contorna do Centro Sociocultural”. Trátase dun proxecto ambicioso no que traballaron as concellerías de Urbanismo, que dirixe Antonio Cabaleiro, e Infraestruturas e Sostibilidade, a cargo de Roberto Villar.
O proxecto inclúe sete miradoiros que serán tamén zonas de descanso para a veciñanza. Estes espazos porán en valor as vistas panorámicas sobre a ría, ademais de crear lugares de encontro para a cidadanía con mobiliario urbano, bancos, arborado e pérgolas. Situaranse en lugares estratéxicos ao longo da vía “para que os peóns poidan parase e descansar”, explica Rivas. O primeiro deles será no cruce coa Senda da Auga, coincidente co trazado do Camiño de Santiago, onde se dará prioridade aos peóns. O segundo dos miradoiros estará uns 80 metros máis arriba, na zona máis horizontal do camiño de Cidadelle. A terceira das áreas de descanso localízase ao carón dunha fonte e un cruce de camiños. A cuarta das plataformas situarase na curva de enlace co camiño do Avispeiro. O quinto miradoiro será un dos puntos máis singulares, fronte ao edifico municipal do centro Sociocultural de Cidadelle. A sexta área será no entronque dos camiños do Cuco e da Quinta e, por último, na cota máis alta do camiño de Cidadelle instalarase o sétimo dos miradoiros cunha pequena praza no entronque co camiño da Bruxa e a Estrada da Lamosa.
O proxecto da reforma integral do camiño de Cidadelle, cunha lonxitude aproximada de 1.000 metros, supón un gran investimento valorado en 1.050.440 euros. A actuación supón renovar uns 8.000 m2 de superficie nunha zona cunha pronunciada pendente. Os traballos incluirán a renovación da rede de abastecemento de auga e a de saneamento, coa incorporación dunha nova rede para as augas pluviais.
O proxecto presentado polo Concello de Redondela ao Plan Extra da Deputación está valorado en 1.088.065,42. A proposta acadou os fondos provincias, que cubrirán o 70% do custe das obras (761.645,79 €), e o Concello financiará o 30% restante (326.419,63 €).

