Skip to main content

Concello de Redondela

Urbanismo

A Área de Urbanismo do Concello de Redondela encárgase da actuación urbanística, incluíndo a planificación, as licenzas, as disciplinas urbanísticas, a conservación de edificios, os proxectos e as obras municipais.

Contacta

– A alcaldesa, Digna Rivas, salienta que a actuación é unha realidade inminente. Esta ponte permitirá conectar de xeito “directo, seguro e accesible” o aparcadoiro de Vilavella co paseo fluvial. O obxectivo é “fomentar a mobilidade sustentable, reducir o tráfico rodado e dar protagonismo aos peóns”, explica Rivas. A actuación, nacida dunha proposta de AER, comezará a executarse nos vindeiros días.

O Concello de Redondela dá o paso definitivo para a execución da nova pasarela peonil sobre o río Maceiras coa adxudicación do contrato de obras. Completados os trámites administrativos correspondentes, o proxecto converterase nunha realidade na contorna de Vilavella. A empresa adxudicataria iniciará os traballos previos sobre o terreo nos vindeiros días.

Unha vez superado o período de licitación, a infraestrutura permitirá cumprir o obxectivo de conectar de xeito “directo, seguro e accesible” o aparcadoiro disuasorio de Vilavella co paseo fluvial. A intervención busca fomentar a mobilidade sustentable, reducir o tráfico rodado no centro urbano e dar todo o protagonismo aos peóns. A alcaldesa, Digna Rivas, sinalou que a infraestrutura “garantirá que calquera persoa, teña ou non problemas de mobilidade, poida desprazarse con total seguridade”.

Esta actuación, impulsada orixinalmente por AER (Agrupación de Electores de Redondela), comezará a executarse en breve. O concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, amósase moi satisfeito por ter superado todos os trámites e que esta pasarela, que era unha demanda veciñal, sexa un realidade nas vindeiras datas. “A pasarela humaniza a contorna e ofrece unha alternativa segura e amable tanto para as persoas que queren percorrer o paseo fluvial como para as que queren acceder ao centro da vila sen depender do coche”, explica Villar.

Un deseño sostible e respecto ambiental

A pasarela salvará o río Maceiras sen necesidade de instalar ningún tipo de apoio no leito, o que protexerá por completo o ecosistema fluvial. A estrutura contará con cimentacións de formigón armado, varandas de madeira de 1,10 metros de altura e unha estética totalmente integrada na paisaxe. As súas pendentes suaves garantirán unha accesibilidade universal.

O proxecto, que conta cun orzamento de licitación de 24.254 euros, finánciase a través do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.

Imaxe actual do camiño do Parque, unha as vías que vai pavimentarse en Cesantes

– As novas actuacións mellorarán o firme e a seguridade nas rúas San Pedro e Outeiro de Penas, xunto cos camiños da Cachopa, do Piñón e do Parque, a Estrada da Lamosa e os camiños da Minada e das Patelas.
– As obras forman parte do ambicioso Plan de Investimentos nos Camiños Municipais do Concello, financiado integramente con fondos propios e dotado cun orzamento de 2,7 millóns de euros.

O Concello de Redondela avanza no Plan de Investimento dos Camiños Municipais con catro novos contratos de obras que xa foron adxudicados. Estas actuacións arrancarán en breve nas parroquias de Cesantes, Ventosela e Trasmañó cun investimento global de 155.449,36 euros.

En Cesantes, na rúa San Pedro, a actuación comprende o pavimentado dun tramo de 300 metros de lonxitude cun orzamento de 40.127,31 euros. Na mellora das rúas rúas Outeiro de Penas, Camiño da Cachopa, Camiño do Piñón e Camiño do Parque o proxecto divídese en dous tramos: o primeiro de 532 metros de lonxitude (dende o Camiño da Cachopa ata Outeiro de Penas) e o segundo de 61 metros de lonxitude (vinculando o Camiño do Parque). Esta intervención conta cun orzamento de 47.352,32 euros.

Na parroquia de Trasmañó a pavimentación será na Estrada da Lamosa e no Camiño da Minada, cun novo pavimento asfáltico dun tramo de 275 metros na Estrada da Lamosa e outro tramo de 100 metros do Camiño da Minada. O proxecto técnico dispón dun orzamento de 36.740.

En Ventosela contratouse a reforma do Camiño das Patelas, que se centrará en mellorar un tramo de 425 metros de lonxitude, conectando dende o cruzamento do Camiño do Costeiro. O orzamento desta obra ascende a 31.228,77 euros.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou a transcendencia deste plan para o municipio “cun compromiso firme para o equilibrio territorial e o benestar dos veciños e veciñas que viven nas nosas parroquias”. Rivas salienta que “grazas a unha xestión económica eficiente, podemos destinar 2,7 millóns de euros de fondos propios a un plan histórico que mellorará o noso rural cuns camiños municipais en boas condicións, xa que son arterias fundamentais para o día a día de centos de familias”.

Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, incidiu nos aspectos técnicos e na planificación das obras: “Con estas adxudicacións continuamos a bo ritmo as melloras nos camiños que sofren un serio deterioro”. Villar explica que “non se trata de parches temporais” senón dunhas obras planificadas que inclúen o fresado dos camiños e novas capas de asfaltado en quente “para garantir unha durabilidade óptima e mellorar a seguridade viaria”.

Estas intervencións forman parte do Plan de Investimentos nos Camiños Municipais, un ambicioso programa impulsado polo Goberno local que se realiza integramente con fondos propios do Concello e que conta cun orzamento de 2,7 millóns de euros. Con esta importante partida económica, o executivo municipal garante un investimento histórico para a transformación e posta ao día das comunicacións no rural sen depender de financiamento externo.

Situación actual dun dos camiños que se vai pavimentar en Trasmañó
Situación actual dun dos camiños que se vai pavimentar en Trasmañó
Imaxe actual do camiño Patelas, en Ventosela
Situación actual da rúa San Pedro, Cesantes
Rúa de Outeiro das Penas, un dos camiños que vai pavimentarse en Cesantes

A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro Antonio Cabaleiro visitaron a estrada cos técnicos e responsables da obra antes do comezo dos traballos.

– Os traballos teñen un dobre obxectivo: poñer fin á falta de seguridade peonil coa instalación de beirarrúas e renovar unha vía moi deteriorada. A alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, visitaron a zona cos responsables dos traballos antes do arranque das obras a vindeira semana.
– A actuación, cun orzamento superior aos 530.000 euros, transformará o treito da estrada que vai desde a N-555 ata o camiño do Campiño, nas inmediacións do CEIP Porto Cabeiro.

O Concello de Redondela dará comezo a vindeira semana ás obras de mellora e humanización da estrada de Porto Cabeiro. Para coordinar o arranque dos traballos, a alcaldesa, Digna Rivas, e o concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, realizaron unha visita á zona acompañados polos técnicos e os responsables da empresa adxudicataria. A intervención céntrase no tramo comprendido entre a N-555 e o camiño do Campiño, xusto nas inmediacións do CEIP Porto Cabeiro.

A alcaldesa, Digna Rivas, destacou que este proxecto segue a liña estratéxica do Goberno local de crear contornas “máis accesibles e adaptadas ás persoas”. Por unha banda, vaise ordenar o espazo dando prioridade ao peón “para garantir un acceso moito máis seguro ao colexio”, e ademais renovaranse por completo os servizos urbanos e a rede de drenaxe, que se atopan nun estado “moi deficiente” pola falta de mantemento de anos anteriores”, sinalou Rivas. Os traballos poñerán fin á actual ausencia de beirarrúas e ao deteriorado firme da vía. A nova estrada disporá dunha calzada de 5,8 metros de ancho con beirarrúas nunha das marxes, e engadiranse elementos vexetais ao longo de todo o itinerario.

Desde o Concello de Redondela pídese comprensión á veciñanza polas molestias estritamente necesarias que poidan causar os traballos durante as vindeiras semanas, cuxo obxectivo final é mellorar a calidade de vida e a seguridade de toda a parroquia. En setembro, cando comece o curso, aplicaranse medidas específicas na organización dos traballos para non interferir no transporte escolar.

O proxecto conta cun investimento que supera os 530.000 euros e está financiado a través do plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.

Planificación e Desenvolvemento Urbano

De interese

TRÁMITES

CARTOGRAFÍA - SIOTUGA

ORDENANZAS E REGULAMENTOS

PXOM

Compartir

CARTOGRAFÍA - SIOTUGA

SIOTUGA