– O Festival Internacional de Títeres celebra a súa 27ª edición do 11 ao 17 de maio, consolidándose como unha das citas máis prestixiosas a nivel nacional e internacional. Durante sete días, as rúas, prazas e auditorios do municipio encheranse de vida con máis de 60 funcións e actividades para públicos de todas as idades.
– A alcaldesa, Digna Rivas, subliña a importancia do festival como unha ferramenta fundamental para a formación cultural das novas xeracións. A rexedora puxo o acento no éxito da campaña escolar, que este ano contará coa participación de preto de 1.500 nenos e nenas de centros educativos do municipio.
A 27ª edición do Festival Internacional de Títeres “Memorial Juanjo Amoedo” foi presentada por Eduardo Rodríguez «Tatán» (presidente de Xente Titiriteira) e Luís Crespo (director do festival), xunto coa alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, o deputado de Cultura da Deputación, Jorge Cubela, e Jacobo Sutil, director de Agadic. O festival ofrece máis de 60 funcións que combinan a tradición galega coa vangarda internacional. Compañías de Francia, Arxentina, Italia, Uruguai e Portugal traerán espectáculos premiados, xunto a referentes galegos como os redondeláns Tanxarina, Alakrán ou Troula Animación.
O luns comeza a programación escolar, que Rivas cualificou como a “semente” do festival, destacando que permite rapazada sentir “o amor polo teatro” dende idades temperás e garantir que a cultura sexa accesible para todo o alumnado de Redondela. A alcaldesa lembrou que o festival forma parte do patrimonio “cultural e emocional de Redondela”, destacando o seu carácter interxeracional. Na súa intervención, resaltou que a participación de compañías de prestixio internacional permite que os escolares redondeláns teñan acceso a espectáculos de vangarda sen saír do municipio.
En canto aos espectáculos itinerantes destacan «Os Extintos» do Sindicato de Monstros, unhas marionetas de gran formato, e «Agosinho e Felicidade» de Boca de Cao, dúas marionetas humanas que interactúan co público. Na Pista da Xunqueira atoparemos unha instalación temática interactiva «Os Monicreques» de Galiot Teatre. Un espazo con 16 pequenos teatros de monicreques para que todas as familias poidan usalos. Na praza de Ponteareas poderemos gozar da instalación de xogos de madeira «Un Mar de Xogos».
O programa tamén inclúe a actividade “De flor en flor” ou a fantástica viaxe do invisible, que convida á cidadanía a participar disfrazándose de calquera insecto para celebrar o proceso esencial da polinización. E no Multiusos da Xunqueira podemos gozar coa exposición «Os Monicreques de Kukas», ata o 21 de maio. O clásico Mercadiño Titireiro realizarase os días 16 e 17 de maio na Alameda, con horario de 11:00 a 22:30 horas.
Do mesmo xeito que nas últimas edicións, algunhas das funcións serán con intérprete en lingua de signos. As representacións de sala serán no Multiusos dá Xunqueira cun prezo de 7 € á venda no despacho de billetes do Auditorio (se sobraron da venda anticipada). O resto de programación, representacións en todos os escenarios de rúa e itinerantes son gratuítas.
A representación de Galicia é especialmente potente nesta ocasión. A veterana compañía local Tanxarina encabeza un cartel que inclúe nomes imprescindibles como Monicreques Alakrán, Babaluva, Micromina, Trécola Produccións, Troula Animación e Bico de Toupa. Entre as montaxes máis esperadas figura «A Biblioteca Galáctica contra a IA Fantástica» da compañía redondelá, peza recoñecida nos prestixiosos premios María Casares 2026.
