Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Avifauna en período de cría

Concellaría de Medio Ambiente. Concello de Redondela
25-03-2021
0
Avifauna en período de cría

O grupo de traballo de medio ambiente do Concello de Redondela ven de rexistrar na zona da marisma do río Pexegueiro, anexa ás pistas de tennis e Instituto IES Mendiño, un exemplar femia de cisne (Cygnus olor), ave da familia dos anátidos. Esta cisne atópase agora mesmo en período de cría. Os cisnes poñen de 4 a 10 ovos que a femia choca durante uns 36 días, e as crías normalmente fan eclosión entre os meses de maio e xullo. As crías non adquiren a capacidade de voar ata os 120 a 150 días de vida.

Por iso mesmo a Concellaría de Medio ambiente do Concello de Redondela acaba de acordoar a zona e quere lembrar á veciñanza a importancia de respectar o espazo escollido pola avifauna evitando en todo momento realizar ruidos molestos, achegarse en exceso ó niño ou perturbar a súa contorna. "Entendemos o interese que esta escea da natureza levanta en todo nós; pero iso non se pode traducir en molestar ou intervir no propio proceso natural de cría. A cisne xa moveu o niño de sitio unha vez debido á intervención humana. Por iso queremos lembrar que somos simples espectadores da natureza e que, ademáis, debemos actuar con respecto a ela. Un exceso de interés, ou un interés mal xestionado podería destruir aquelo que estamos contemplando.", comenta D. Roberto Villar, concelleiro de medio ambiente.

O grupo de medio ambiente lembra que neste caso concreto se trata dunha cisne, especie protexida e que, segundo a Lei 42/2007 do Patrimonio natural e da biodiversidade, será obxecto de medidas de conservación especial en canto ó seu hábitat, co fin de asegurar a súa supervivencia e a súa reproducción na súa área de distribución.

Pero agora comeza a tempada de cría de moitas outras especies da avifauna propias do ecosistema da marisma do río Pexegueiro. E que será necesario manter o coidado de non molestalas durante varios meses. 

A Concellaría de Medio ambiente, pola súa parte, suspende temporalmente os traballos de desbroce e mantemento da zona delimitada.