Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello de Redondela habilita unha nova liña de axudas para persoas autónomas e pequenas empresas afectadas pola pandemia

Concello de Redondela
21-10-2021
0
O Concello de Redondela habilita unha nova liña de axudas para persoas autónomas e pequenas empresas afectadas pola pandemia

A liña de axudas, con cargo á liña 2 do Plan Concellos, terá aberto prazo de solicitude ata o 5 de novembro e supón a terceira que, dende o inicio da pandemia, lanza o Concello para paliar os efectos producidos pola Covid-19 no tecido comercial e empresarial. O Concello de Redondela, en colaboración da Deputación de Pontevedra, vén de poñer en marcha unha nova liña de subvencións –a terceira dende que comezou a pandemia da Covid-19– para paliar a diminución ou paralización de actividade que a crise sanitaria provocou a traballadores/as autónomos/as, microempresas e pequenas empresas con domicilio fiscal e local comercial no termo municipal de Redondela.

A Deputación aprobou no seu momento para Redondela, dentro da liña 2 do Plan Concellos, 85.200 euros que agora o Concello destinará aos sectores máis afectados pola pandemia que poderán financiar gastos de alugamento, cota de persoas traballadoras autónomas, a electricidade e os seguros. O prazo de solicitude rematará o vindeiro 5 de novembro.

Trátase, explica a concelleira de Comercio, María Castro, “de continuar adoptando medidas que permitan paliar o impacto económico provocado pola Covid-19 e que contribúen a preservar o tecido económico redondelán”. De feito, a nova liña de subvencións non deixa de ser un xeito de protexer os intereses xerais da veciñanza de redondela “ao dar soporte ás persoas traballadoras autónomas, microempresas e pequenas empresas”.

Toda a información sobre os requisitos, prazos e documentación necesaria para poder acceder a estas axudas pódese consultar no BOPPO nº 201 do 19 de outubro.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, que agradeceu “a colaboración e sensibilidade que a Deputación amosou sempre con este municipio”, lembrou que “esta e a terceira liña de subvencións que o Concello pon en marcha dende o inicio da pandemia da Covid-19 coa clara intención de axudar a persoas traballadoras autónomas e pequenas empresas que, xunto coa hostalaría, foron os sectores aos que a situación epidemiolóxica golpeou máis duramente”.

Cómpre lembrar que en decembro do 2020, nunha primeira convocatoria, concedíanse un total de 72 axudas por importe superior a 42.000 euros e tan só un mes despois, en xaneiro do 2021, outorgábanse outras 32 subvencións, esta vez dirixidas especificamente ao sector da hostalaría, por máis de 9.600 euros.