Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Por segundo ano, Concello mercará xoguetes para as nenas e nenos das familias usuarias dos servizos sociais

Concello de Redondela
20-12-2021
0
Por segundo ano, Concello mercará xoguetes para as nenas e nenos das familias usuarias dos servizos sociais

A alcaldesa agradeceu a colaboración das xogueterías Mandamamá, Don Dino e Celestadas na segunda edición de Redondela xoga en igualdade que o Concello costeará con fondos propios

“O Nadal ten que ser para todos os nenos e nenas, senón non sería Nadal”, afirmou hoxe a alcaldesa Digna Rivas ao presentar, acompañada da concelleira de Servizos Sociais, Iria Vilaboa, a campaña 'Redondela xoga en igualdade', iniciativa pola que o Concello mercará xoguetes para, posteriormente, ser distribuídos entre as familias usuarias dos Servizos Sociais municipais.

'Redondela xoga en igualdade', posta en marcha o pasado ano por iniciativa da propia alcaldesa, daquela concelleira de Igualdade, será costeada nesta segunda edición por fondos propios do Concello. Non se trata dunha campaña de recollida de xoguetes, senón de mercar xoguetes novos para logo ser distribuídos. “Estamos a falar de solidariedade e non de caridade”, afirmou Rivas.

A alcaldesa agradeceu a colaboración das xogueterías Mandamamá, Don Dino e Celestadas “que cando se lles presentou a idea non dubidaron nin un só instante en sumarse á mesma e tentar a situación económica das familias, non repercuta na ilusión coa que as e os máis pequenos viven estas datas”, explica a alcaldesa redondela.

Os xoguetes que se mercarán serán, ao igual que na primeira edición da campaña, igualitarios e non sexistas porque, a través do xogo pódense inculcar valores como a igualdade, imprescindibles no camiño cara a unha sociedade máis xusta.

'Redondela xoga en igualdade' busca polo tanto case que un triplo obxectivo. Por unha banda que as nenas e nenos das familias máis desfavorecidas poidan desfrutar das datas do Nadal e toda a carga de ilusión que iso supón. Cúmprese, ademais, o principio de transversalidade que, en materia de igualdade, busca o Goberno local en todas e cada unha das súas actuación como ferramenta de concienciación social.

Por último 'Redondela xoga en igualdade' acada un terceiro obxectivo que é contribuír á dinamización dun comercio local duramente golpeado pola crise da Covid.