Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela fai un contrato histórico para os traballos de roza con dúas limpezas ao ano en todos os camiños municipais

Concello de Redondela
12-02-2024
0
Redondela fai un contrato histórico para os traballos de roza con dúas limpezas ao ano en todos os camiños municipais

Os traballos inclúen a roza e limpeza de todos os camiños municipais das 13 parroquias na primavera e no outono con todas as tarefas necesarias para mantelos “en perfecto estado para o seu uso”. O obxectivo deste contrato histórico é “que todos os camiños das parroquias e as súas marxes estean en perfectas condicións todo o ano”, explica a alcaldesa Diga Rivas. O contrato, por dous anos, licítase por un importe máximo de case un millón de euros, e podería prorrogarse dous anos máis, de xeito anual, ata un importe máximo que se achega aos dous millóns de euros para os catro anos. As empresas interesadas poden presentarse ao concurso ata o 4 de marzo. O servizo ás parroquias complétase coa contratación de 10 persoas desempregadas para traballos de limpeza e mantemento a través do Plan +Provincia (antes Plan Concellos) co que se contribúe desde á creación de emprego para veciñas e veciños dentro das posibilidades da administración local. O Concello de Redondela realiza este ano un contrato histórico para os traballos de roza en todos os camiños municipais das súas 13 parroquias. A empresa que se faga cargo do servizo deberá acometer todas as tarefas para manter as estradas e camiños libres de maleza e “en perfecto estado para o seu uso”. Os traballos permitirán tamén cumprir coa normativa de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Por primeira vez os traballos de roza e limpeza faranse dúas veces ao ano en todos os camiños públicos de Redondela, cunha primeira fase entres os meses de abril e xuño, aproximadamente, e unha segunda roza entre setembro e novembro. “O obxectivo deste contrato histórico é que todos os camiños das parroquias e as súas marxes estean en perfectas condicións todo o ano”, explica a alcaldesa Diga Rivas. Trátase dunha “aposta decidida” da rexedora local “pola mellora da calidade de vida nas parroquias” cun servizo de limpeza que se foi ampliando e mellorando nos últimos anos.

O contrato, por dous anos, licítase por un importe máximo de 989.268 euros. O contrato podería prorrogarse dous anos máis, de xeito anual, ata un importe máximo de 1.978.536 euros para os catro anos. As empresas interesadas e presentarse a este concurso público teñen de prazo ata o 4 de marzo.

Os traballos a realizar pola empresa adxudicataria serán todos os necesarios para deixar os camiños e as súas marxes despezados, rozados e limpos. A roza e a limpeza incluirá a maleza, herbas e arbustos tanto nos camiños como nas beiravías e noiros, que deberán quedar no seu estado orixinal. Retirarase todo o lixo acumulado nas beiravías e gabias para permitir unha boa evacuación da auga, e limparanse os caños ou sistemas de drenaxe obstruídos por vexetación ou outros residuos. Isto evitará atascos e facilitará a evacuación da auga da chuvia. Desperdicios como bolsas plásticas, papeis, latas ou botellas que se atopen durante os labores de limpeza deberán ser retirados.

Este novo contrato inclúe a recollida e transporte de todo o material procedente das rozas e limpezas, así como a súa clasificación, xestión e tratamento segundo a normativa medioambiental. O cumprimento destas normas supón tamén que a empresa non poderá realizar ningún tratamento con produtos fitosanitarios. No caso de especies invasoras a empresa debe cumprir co plan de erradicación establecido pola administración.

Contratación de 10 persoas desempregadas

Á marxe da contratación dunha empresa, o Concello “non só manterá senón que ampliarán a contratación de persoas desempregadas para traballos de limpeza e mantemento”. Rivas explica que se aumenta ata 10 o número de operarios cos que contará Redondela a través do Plan +Provincia (antes Plan Concellos) “para servizos que se centrarán na limpeza das parroquias”. Deste xeito tamén se contribúe desde a administración local a dar traballo a veciñas e veciños en situación de desemprego.