Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Pavillón da Marisma acolle este mércores 29 de setembro a Copa Galicia de Baloncesto en Cadeira de Rodas

Concello de Redondela
28-09-2021
0
 O Pavillón da Marisma acolle este mércores 29 de setembro a Copa Galicia de Baloncesto en Cadeira de Rodas

Abeconsa Basketmi de Ferro e Iberconsa AMFIV de Vigo, disputarán esta final que dará comezo ás 20 horas. O Pavillón da Marisma, en Redondela, acolle este vindeiro mércores, 29 de setembro, a final da Copa Galicia de Baloncesto en Cadeira de Rodas, unha cita que enfrontará ao Abeconsa Basketmi do Ferrol e ao Iberconsa AMFIV de Vigoa partir das 20 horas

O evento foi presentado na mañá de hoxe, na Praza do Concello de Redondela, presidido pola alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, á que acompañaban a secretaria da Federación Galega de Deporte Adaptado, Susana García; o director técnico da Federación, Domingo Salinas; José Manuel Freire, coordinador de Deporte Escolar, en representación da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e Nacho González, concelleiro de Deportes do Concello de Redondela.

Na presentación participaron tamén dous xogadores e unha xogadora do Iberconsa Amfiv, María Luisa Chirinos, Fabian Daniel Romo e Agustín Alejos, este último participante nas últimas paraolimpiadas de Tokio formando parte da selección española.

Susana García quixo, nas súas palabras, “agradecer a extraordinaria disposición do Concello de Redondela á hora de acoller esta final” na que participan os dous representes Galegos na Liga Española de Baloncesto en cadeira de Rodas, o Iberconsa AMFIV que milita na División de Honra en o Abeconsa Basketmi que o fai na Primeira División.

Destacou a secretaria da Federación Galega de Deporte Adaptado “o bo nivel que ten o baloncesto adaptado galego a nivel nacional” xa que os dous equipos que protagonizan esta final son os representantes da comunidade na Liga e no caso do AMFIV remata sempre en lugares destacados.

Digna Rivas, pola súa banda, agradeceu á Federación que elixira Redondela “para a disputa dun encontro de alto nivel e que pon o punto de atención sobre o deporte adaptado”. A alcaldesa destacou o traballo que realiza a Federación nese sentido e asegurou que “poden contar con Redondela para todos cantos eventos deportivos queiran realizar”.

Así, o mércores 29 a partir das 20 horas, o pavillón da Marisma encherase de baloncesto de alto nivel nun encontro que estará rexido polo protocolo Fisicovid da Federación Galega de Deporte Adaptado e aprobado pola Secretaría Xeral para o Deporte.