Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Declaración Institucional do Concello de Redondela en apoio á Coordinadora contra a Casa de Apostas en Redondela

12-11-2019
0
Declaración Institucional do Concello de Redondela en apoio á Coordinadora contra a Casa de Apostas en Redondela

Co motivo de expresar o sentir xeneral da veciñanza de Redondela e o apoio desta Corporación municipal, á causa emprendida pola coordinadora conformada contra a casa de apostas en Redondela, manifestado xa de forma unánime no pleno ordinario celebrado o pasado 3 de outubro, se procede a formular a presente DECLARACIÓN INSTITUCIONAL:

O aumento e case normalización do xogo e das apostas está suscitando unha enorme preocupación social así como o alarmante incremento da instalación de casas de apostas e salas de xogo por toda Galiza que crece amparada por unha lexislación laxa e obsoleta do ano 1985 que xa non da solución as novas formas de comercializar os xogos de azar e apostas.

O atraso na modificación da lei do xogo de Galiza claramente propiciou a proliferación das casas de apostas, das salas de xogo e a instalación das máquinas comecartos. O goberno galego reaccionou tarde e mal, xa vai tarde a tramitación dunha nova lei e tamén chegou tarde a orde coa moratoria na apertura de novas salas, actualmente hai autorizadas 118 salas de xogo e 41 casa de apostas.

A implantación destas casas de apostas en barrios das grandes cidades ou en vilas como a nosa está a crear graves problemas sociais e de saúde pública entre os que cabe sinalar a adicción ao xogo por parte da mocidade. Un estudio da Unidade de Psicoloxía do consumidor e usuario da Universidade de Santiago de Compostela conclúe que 1 de cada 4 menores recoñece ter apostado cartos algunha vez e un 10% dos menores recoñece estar apostando na actualidade.

A necesidade de abordar especificamente o problema da participación en xogos de azar e apostas dos menores de idade leva a que non se entenda que a instalación da casa de apostas en Redondela sexa autorizada na rúa Ernestina Otero 47 coa proximidade do conservatorio, colexio de infantil, colexio de primaria, 3 institutos dos que 1 está xusto en fronte da porta, así como das máis importantes instalacións deportivas existentes no centro da Vila (pavillóns, campo de fútbol, pista de baloncesto, skate, padel, tenis...).

Por todo elo, e de forma unánime, a Corporación municipal de Redondela quere redundar a través desta declaración, na defensa da loita contra a instalación destas casas de apostas en todo o municipio de Redondela e especialmente, en lugares como o previsto que sexan prexudiciais para os menores da nosa localidade. Así como, volver a expresar o apoio ao parecer contrario a súa instalación, manifestado xa polos veciños de Redondela a través dos distintos actos de mobilización e concentracións que se veñen realizando.