Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela oferta unha formación pioneira dedicada a igualdade de oportunidades para futuros e futuras profesionais da Formación Profesional

Concello de Redondela
15-03-2023
0
Redondela oferta unha formación pioneira dedicada a igualdade de oportunidades para futuros e futuras profesionais da Formación Profesional

O curso de Formación en Igualdade de Oportunidades para futuros e futuras profesionais da FP impartirase no IES Chapela e o IES Florian . Para completar a formación, con total validez académica e puntuable en calquera oposición, deben cumprirse as 10 horas que se esixen. A Concellería de Igualdade, dirixida por Iria Vilaboa, do Concello de Redondela presenta a Formación en Igualdade de Oportunidades para futuros e futuras profesionais da Formación Profesional. A alcaldesa Digna Rivas quixo resaltar a importancia dunha formación “pioneira no municipio e que conta con validez académica. Sabemos que ter formación en igualdade é imprescindible para o futuro laboral na actualidade. Non só porque é importante educar desde a perspectiva de xénero senón tamén porque moitas empresas esixen algún tipo de formación similar, polo que complementará os seus estudos de cara ao CV”.

A Asociación Profesional de Axentes de Igualdade de Oportunidades Galega, APAIOGA, será a encargada de impartir a formación, concretamente a educadora Lucía Pereda Pérez dará as clases impartidas no IES Floriani e o IES Chapela.

Segundo explica a rexidora local, “o obxectivo desta formación é sensibilizar a homes e mulleres no valor social da igualdade como eixo para o desenvolvemento social. Promover que profesionais de distintos ámbitos incorporen a perspectiva de xénero no exercicio das súas actividades laborais e sensibilizar en igualdade de oportunidades entre mulleres e homes para conseguir eliminar a brecha existente entre a igualdade legal e a igualdade real ”. E para iso, é necesario contar con datos e análises da realidade social desde a perspectiva de xénero, xa que a igualdade non é unha mera cuestión de opinión, senón tamén de coñecemento. Estes obxectivos son, así mesmo, un mandato da Lei Orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

“Este é un cumprimento deste goberno dos fins institucionais para promover a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, a través de accións de sensibilización e formación en igualdade. Consideramos que é de vital importancia, polo que decidimos levalo á educación de forma directa. A formación en igualdade vai influir no futuro laboral e persoal dos estudantes redondeláns e mesmo este diploma é puntuable en calquera concurso oposición ”, explicaba Rivas.