Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela súmase ao Mes da Ciencia en Galego coa actividade 'Matemaxia' posta en marcha polo Servizo de Normalización Lingüística

Concello de Redondela
16-11-2021
0
Redondela súmase ao Mes da Ciencia en Galego coa actividade

O Concello de Redondela vén de sumarse, como ven sendo habitual ao Mes da Ciencia en Galego que, dende hai anos, celébrase en Galicia coincidindo coa celebración do Día Internacional da Ciencia o 10 de novembro, unha iniciativa coa que a comunidade científica busca concienciar sobre o uso da ciencia para a paz e o desenvolvemento.

Dende hai 11 anos por iniciativa do profesorado, comezou a celebrarse o Mes da Ciencia en Galego para amosar a plena normalidade do uso na nosa lingua no ámbito científico e técnico. A partir de entón téñense organizado numerosos actos nos centros escolares de Galicia.

Así, dende o Servizo de Normalización Lingüística organizouse unha actividade sobre Matemaxia, unha forma lúdica de aprender e comprender as matemáticas tomando o galego como lingua. O Mago Paco é o encargado de amosar ao alumnado redondelán, por medio da maxia e da divulgación lúdica, os segredos que se agochan tras os números.

A iniciativa, dirixida aos escolares de 5º e 6º de primaria, levarase a todos os colexios de Redondela a través de 14 sesións que se encargarán de levar a 'maxia das matemáticas' ás e aos escolares.