Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Un cento de rapazas e rapaces participan en obradoiros sobre enxeñería co gallo do Día da Muller e a Nena na Ciencia

Concello de Redondela
13-03-2024
0
Un cento de rapazas e rapaces participan en obradoiros sobre enxeñería co gallo do Día da Muller e a Nena na Ciencia

A concellería de Igualdade do Concello de Redondela, que dirixe Iria Vilaboa, está a celebrar en diferentes colexios do municipios charlas e obradoiros científicos en colaboración coa Universidade de Vigo. Co gallo da celebración o pasado mes de febreiro do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, puxéronse en marcha actividades nos centros de primaria “para axudar a espertar vocacións científico-técnicas entre as máis pequenas”. Raquel Pérez Orozco, subdirectora de Divulgación Científica da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, é a encargada de impartir estes obradoiros didácticos. A fabricación de pinturas, a identificación de minerais ou os procesos de combustión son algúns dos temas que se abordan nestes obradoiros.

Estes obradoiros, dirixidos ao alumnado de 6º de Primaria, realizáronse xa nos centros de Porto Cabeiro, Quintela e Alexandre Bóveda, e esta semana farase tamén no de Outeiro das Penas para chegar a un total de 100 nenas e nenos.

Iria Vilaboa agradeceu a colaboración da universidade nestas xornadas dentro do programa Mulleres STEAM (das siglas en inglés Science, Technology, Engineering, Arts e Maths). O obxectivo no que coinciden o Concello e a Universidade de Vigo é o de “fomentar a igualdade entre xéneros”, explica Vilaboa, e no caso das titulacións STEAM “é preciso darlles visibilidade ás mulleres profesionais destes ámbitos para que sirvan como referente e inspiración a futuras estudantes”.

Esta mañá a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, acompañou a Raquel Pérez e a directora do colexio Alexandre Bóveda, Noemí Moreira, no obradoiro impartido no centro de Chapela.