Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O alumnado dos institutos aprende sobre sexualidade e afectividade

Concello de Redondela
16-02-2024
0
O alumnado dos institutos aprende sobre sexualidade e afectividade

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, estiveron esta mañá no IES Chapela co alumnado que asistiu á charla impartida polos educadores Lucía Pereda e Rubén Estévez. Os expertos traballarán coa rapazada e aspectos como a sexualidade e a afectividade, así como os roles e estereotipos erróneos que se presentan na pornografía. A metodoloxía é participativa con actividades como debates grupais, choiva de ideas, exposicións e recursos audiovisuais e musicais. O máis importante é que os mozos e mozas poidan expresar as súas dúbidas e inquedanzas “con total liberdade”, e que teñan información veraz “para vivir a súa afectividade e sexualidade dun xeito saudable” sinala a alcaldesa Digna Rivas. O obxectivo desta actividade é “formar ao alumnado en educación afectivo-sexual e desmitificar a pornografía”, explica a concelleira Iria Vilaboa. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e a concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, estiveron esta mañá no IES Chapela co alumnado que asistiu aos obradoiros impartidos polos educadores Lucía Pereda e Rubén Estévez. Estas actividades, promovidas desde a concellería de Igualdade, comezou o pasado mes de novembro coas charlas interactivas para alumnado de ESO e Bacharelato dos institutos de Redondela, cuns 400 rapaces e rapazas. Unha vez analizados os datos destas xornadas a técnica en Igualdade, Lucía Pereda, fixo un diagnóstico sobre as crenzas e actitudes do alumnado en relación á sexualidade e á pornografía. “Algúns destes datos son preocupantes, e moito peores do que agardábamos”, segundo explicou a concelleira de Igualdade Iria Vilaboa. O 77% dos participantes considera que a pornografía “é unha industria como outra calquera, polo que o consideran un traballo máis e a explotación de mulleres como unha forma lícita de gañar cartos”. Por outra banda un 51% do alumnado considera que a pornografía é tan só “entretemento” e un 31% pensa que é “unha ferramenta adecuada para explorar a sexualidade tanto propia como da parella”.

Os datos fan necesario “seguir traballando co alumnado nas aulas desde unha perspectiva de xénero”, apunta Pereda, e por iso se puxeron en marcha os obradoiros que comezaron esta mañá separando a rapaces e rapazas en dúas aulas para crear espazos específicos para uns e outras. “Precisamos que as rapazas participen dun espazo seguro onde poder abordar as violencias sexuais, pero tamén que os mozos participen dun espazo seguro onde abordar a influencia da masculinidade á hora de relacionarse efectiva e sexualmente”, di a educadora. Nunha sesión posterior traballarán con mozas e mozos xuntos para crear un “decálogo de boas prácticas, sas e igualitarias”.

A metodoloxía empregada será activa e participativa valéndonos de actividades como debates grupais, choivas de ideas, traballos en grupo, exposición maxistral e recursos audiovisuais, musicais e literarios.

A concelleira de Igualdade, Iria Vilaboa, sinala que o obxectivo destas charlas é “formar ao alumnado en educación afectivo-sexual, desmitificar a pornografía e reflexionar sobre as emocións vinculadas ao desexo e á sexualidade”. A alcaldesa, Digna Rivas, explica que o máis importante é que os mozos e mozas poidan expresar as súas dúbidas e inquedanzas “con total liberdade”, e que teñan información veraz “para vivir a súa afectividade e sexualidade dun xeito saudable”

Os obradoiros, que hoxe comezaron o IES Chapela, continuarán nas próximas semanas nos institutos Illa de San Simón, Pedro Floriani e Mendiño. En total serán uns 850 alumnos e alumnas os que participarán nestas actividades.