Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

A choiva non impide que Papá Noel chegue a Redondela

Concello de Redondela
20-12-2022
0
A choiva non impide que Papá Noel chegue a Redondela

A choiva non impide que Papá Noel chegue a Redondela e visite a tódolos nenos e nenas das parroquias Este ano terá dúas residencias no municipio, unha na Alameda de Castelao en Redondela e outra na Alameda de Rosalía de Castro en Chapela. O sábado, 17 de decembro, Papá Noel chegou ao Concello de Redondela para encher de ilusión aos nenos e nenas, escoitar as súas peticións e ir preparando todo para o día de Nadal. Instálase no municipio con dúas residencias preparadas; unha na Alameda de Castelao e outra na Alameda de Rosalía de Castro en Chapela, nas que ‘grazas a súa maxia’ poderá estar de forma simultánea de  17:00 horas a 19:30 horas ata o 23 de decembro. O día 24 estará en horario de mañá de 10:30 horas á 14 horas, ampliando o horario en Redondela pola tarde de 16:30 a 19:30 horas. Polas tardes tamén ten tempo de coller o trineo e visitar as 13 parroquias de Redondela de 16 horas a 20:30 horas, sen importar as condicións meteorolóxicas adversas destes días.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, explicaba  que “Papá Noel é imparable, ao igual que o espíritu de nadal deste concello. Por ese motivo queremos que se achege, non só aos rapaces e rapazas do casco urbano, senón que tamén percorra todas e cada unha das parroquias para levar unha carga de ilusión ás e aos máis cativos da casa e, se cadra, para os non tan pequenos tamén”.

A partir do 20 de decembro comezará o percorrido de Papá Noel polas parroquias de Redondela, similar ao de anos anteriores.

MARTES 20 DE DECEMBRO

Papá Noel comezará a súa xira en CESANTES, no Campo de San Pedro, entre as 16 h e 16 30 horas e no Centro Cultural de 16:45 h a 17:15 horas para continuar cara ao VISO onde terá un primeiro encontro coa rapazada no Centro Cultural de Soutoxuste de 17:30 a 18 horas e posteriormente no Centro Cultural Saramagoso de 18:15 h a 18:45 horas. Pechará ese primeiro día de visitas en VENTOSELA no Centro Cultural de 19:15 h a 19:45 horas para facelo logo no Cruce estrada Vilar do Mato, da igrexa de Ventosela e de Castiñeira de 20:00 h a 20:30 horas.

MÉRCORES 21 DE DECEMBRO

O mércores 21 será cando Papá Noel visite aos nenos e nenas de REBOREDA primeiro no Centro Cultural de 16 horas a 16:30 horas e máis tarde na Igrexa de Reboreda de 16:45 horas a 17:15 horas. Fará parada, despois, en QUINTELA, no torreiro da Igrexa de 17:30 h a 18 horas para seguir o seu percorrido por SAXAMONDE na antiga escola (camiño de Albarroz, 3) de 18:15 h a 18:35 h e no Camiño da Vía (á altura do número 29) de 18:45 h a 19:15 h. Finalmente, e de retirada a súa casa na Alameda Castelao, estará en REDONDELA na rúa Alfonso XII e Praza da Constitución de 19:30 horas a 20:30 horas.

XOVES 22 DE DECEMBRO

A parroquia de VILAR, no Centro Cultural, será a primeira parada de Papá Noel de 16 h a 16:30 horas para reunirse cos nenos e nenas un pouco despois no parque infantil Pica Morena de 16:45 h a 17:15 horas. Seguirá o percorrido en CABEIRO, primeiro no Centro Cultural de 17:30 h a 18 horas e despois no parque infantil Camiño do Campiño de 18:15 horas a 18:45 h. A xira do xoves a pechará Papá Noel en SANTO ESTEVO DE NEGROS cun percorrido que fará polo Camiño de Fixón de 19 h a 19:20 horas e pechar o día no Centro Cultural de 19:30 h a 20:15 horas.

VENRES 23 DE DECEMBRO

O último día de percorrido polas parroquias o comezará Papá Noel en CEDEIRA onde fará tres paradas. Unha primeira en A Portela, de 16 h a 16:20 horas; no Centro Cultural de 16:30 h a 17 horas e en A Formiga (estrada de Cedeira á altura do nº 51) de 17:15 h a 17:35 horas. Seguirá a ruta en TRASMAÑÓ primeiro no Centro Sociocomunitario de 17:50 h a 18:20 horas e posteriormente na intersección do camiño das Pedriñas (a altura do número 18) de 18:30 h a 19 horas. O percorrido do 23 de decembro o pechará en CHAPELA cunha primeira parada na Avenida de Redondela (Centro de Saúde) de 19:15 horas a 19:45 horas e finalmente na Alameda de Rosalía de Castro de 20 horas a 20:30 horas.

Nunha bonita carruaxe –o frío do inverno e a choiva non supón impedimento algún para quen ten a súa casa no polo norte– Papá Noel parará diante das casas, falará cos nenos e nenas, conversará con eles, entregaralles caramelos e escoitará esas peticións de última hora, que sempre as hai.

“A Casa de Papá Noel, é unha iniciativa posta en marcha no 2019 polo Goberno local a fin de ofrecer un lugar de descanso a Papá Noel logo da súa longa viaxe dende Laponia. Visitou Redondela durante os anos da pandemia, cando os nenos e nenas de Redondela demostraron un comportamento exemplar para os tempos que lles tocou vivir, e este ano  volta sen restriccións e coa mesma ilusión para premialos como se merecen”, explicaba a rexidora local.

As casas, situadas na Alameda Castelao en Redondela e na Alameda de Rosalía de Castro en Chapela son similares á que Papá Noel ten en Rovaniemi, na provincia de Laponia, Finlandia, estarán abertas ata o día 23 de decembro en horario de 17 h a 19:30 horas para o día 24, día de Noiteboa, abrir en horario de mañá de 11 h a 14 horas.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, foi a encargada de dar a benvida a Papá Noel “a súa casa e lle agradeceu que dedicase parte do seu tempo a atender ás peticións das e dos máis pequenos”. Tamén quixo expresar a súa satisfacción pola variedade na programación, pero sobre todo por “incluír a tódalas parroquias na programación, para que a ledicia do nadal chegue a tódolos recunchos do municipio que son de igual importancia para o goberno”.