Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela contará cun axente da policía local dedicado a todas as tarefas relacionadas coa violencia machista

Concello de Redondela
31-01-2022
0
Redondela contará cun axente da policía local dedicado a todas as tarefas relacionadas coa violencia machista

Con esta iniciativa o Concello reforza o convenio asinado no seu momento co Ministerio do Interior para incorporación dos corpos de policía local ao Sistema de seguimento integral dos casos de violencia de xénero (VioGen)

O Goberno local de Redondela vén de dar un paso máis na loita contra a violencia de xénero e a asistencia as vítimas destinando especificamente un axente de policía local, Obulio Iglesias Otero, ás tarefas relacionadas coa violencia de xénero e o sistema VioGén. O axente, acompañado do xefe da Policía Local, foi recibido na mañá de onte pola alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e polo concelleiro de Seguridade, Nacho González.

Dende a adhesión do Concello ao Sistema de seguimento integral dos casos de violencia de xénero (VioGén), esta tarefa viña sendo realizada polos axentes da Policía Local redondelá compaxinándoa co seu cometido habitual.

Tal e como explica a alcaldesa Digna Rivas, destinando un axente para todo o relacionado coa violencia machista, “acádase unha maior eficacia á hora de activar os protocolos fronte a violencia machista e aprovéitanse mellor os recursos recíprocos establecidos no convenio asinado co Ministerio do Interior”.

A maiores, a incorporación dunha persoa para labores específicas do sistema VioGén, permite afondar na transversalidade que o Goberno local busca en todas e cada unha das súas accións ao coordinar e axilizar as accións da Policía Local, Servizos Sociais e Centro da Información da Muller (CIM), en casos de violencia machista.

Son, afirma Digna Rivas, “tres departamentos básicos á hora de actuar fronte a violencia machista e na protección das vítimas, polo que a súa coordinación á hora de actuar é fundamental”.

“A violencia machista é unha das maiores lacras sociais do noso tempo e o Goberno local sumarase a todas aquelas iniciativas que contribúan a súa erradicación”, apunta a alcaldesa de Redondela. Nese sentido, o feito de contar cun axente da policía local dedicado ao VioGén –engade – “mellora a eficacia na protección e seguimento das vítimas, paso imprescindible para garantir a súa seguridade en todas as fases do procedemento e o cumprimento das medidas xudiciais”.