Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

PROGRAMACIÓN DE NADAL 2023

Concello de Redondela
13-12-2023
0
PROGRAMACIÓN DE NADAL 2023

A programación do Concello para este Nadal está centrada nos nenos e nenas que poderán gozar das diferentes atracción infantís instaladas durante todas as festas na Alameda de Rosalía de Castro en Chapela e na Pista da Xunqueira de Redondela. O parque de atraccións da Xunqueira contará con varios xogos e sorpresas. A figura tradicional do Pandigueiro visitará por primeira vez Redondela dentro da programación de Nadal do Concello que, unha vez máis, está especialmente pensada para os máis pequenos. Será o día 23 de decembro.

Papá Noel recibirá a nenos e nenas nas casas instaladas en Redondela e Chapela, e tamén visitará na súa carroza as demais parroquias do municipio para que toda a rapazada poida velo.

Este Nadal organízanse obradoiros en horario de tarde durante as vacacións escolares en Redondela e Chapela. Ás actividades para nenos e nenas de 3 a 12 anos, súmanse por primeira vez obradoiros específicos para a rapazada de 13 anos en diante. S talleres para adolescentes realizaranse no novo Espazo Redondela Xove, no Multiúsos da Xunqueira, con actividades como defensa persoal, manga, origami ou xadrez.

O Tren Turístico, especialmente decorado para a ocasión, fará roteiros de Nadal en Redondela e Chapela, con saída desde a praza de Santiago e a alameda Rosalía de Castro, respectivamente.

Redondela despide o ano: Faranse por primeira vez festa Pre Fin de Ano en Chapela na noite do 29 de decembro coa orquestra Olympus no paseo marítimo, e o 30 de decembro con París de Noia no campo da feira de Redondela. Para os máis pequenos celébrase a “Festa Infantil de Fin de Ano” o 31 de decembro ás 11.00 horas na Praza da Constitución.

A concelleira de Cultura, Rita Pérez, sinala que as festas están pensadas para que toda veciñanza poida gozar delas, cun programa de actividades variado que medra cada ano con moita presenza nas parroquias. Digna Rivas, a alcaldesa, salienta “novidades como a festa pre fin de ano en Chapela e os obradoiros para a mocidade pensando sempre en dar un paso máis”. A concelleira de Infancia e Persoas Maiores, Pilar Martínez salienta a importancia dunhas festas “solidarias, participativas e descentralizadas”.

Visitas de Papá Noel e o Pandigueiro

E dende o 17 deste mes e ata o 24 do mesmo mes, nenas e nenos poderán visitar a Casa de Papá Noel que, como en anos anteriores, quedará instalada na Alameda Castelao. Os horarios de visita serán de 17 h a 19:30. O día 24 de decembro o horario será de mañá, de 11 h a 14 horas. Papá Noel tamén se instalará en Chapela, na alameda Rosalía de Castro os días 22 e 23 de decembro no mesmo horario. E para que ningún neno quede sen ver a Papá Noel tamén se desprazará ás demais parroquias. Desde o día 19 e ata o 22 este particular personaxe achegarase na súa carroza a todos os recunchos do municipio de 16 horas a 20:30 horas. Tamén chegará desde as montañas o Pandigueiro, figura lendaria da tradición do Nadal galego que por primeira vez visitará aos nenos e nenas de Redondela, será o día 23 de decembro ás 18.00 horas na Praza do Concello.

Obradoiros para xuventude e infancia

O Concello de Redondela prepara múltiples actividades para a rapazada durante as vacacións escolares de Nadal, con obradoiros do 26 de decembro ata o 4 de xaneiro en horario de tarde. Como principal novidade este ano a Concellería de Xuventude inclúe obradoiros dirixidos especialmente á mocidade a partires dos 13 anos. Realizaranse nun novo local habilitado no Multiúsos da Xunqueira, o Espazo Redondela Xove. Haberá obradoiros de Defensa Persoal, Origami, Manga, Xadrez e outras sorpresas en horario de 18.00 a 21.00 horas.

Os obradoiros para nenos e nenas desde os 3 e ata os 12 anos de idade realizaranse tanto no Multiúsos da Xunqueira como no do Piñeiral de Chapela entre os días 26 de decembro e o 4 de xaneiro en horario de 17.30 a 19.30 horas. Entre as actividades destacan as clases de cociña, sesións de contacontos, manualidades, música e xogos de risoterapia entre outras sorpresas. Estas actividades en horario de tarde compleméntanse cos obradoiros Concilia Nadal que se organizan en horario de mañá nas diferentes parroquias.

O Tren Turístico de Nadal percorre as rúas de Redondela

Tras o éxito do pasado ano, o Tren Turístico volverá a formar parte da oferta de Nadal do Concello de Redondela cun roteiro especial durante as festas. Dos días 26 ao 31 de decembro, e desde o día 2 ata o 7 de xaneiro ofreceranse viaxes de balde. En Redondela a saída será desde a praza de Santiago, e en Chapela desde a alameda Rosalía de Castro. O tren, decorado para a ocasión, percorrerá a vila para que grandes e pequenos poidan gozar das vistas iluminadas coa ornamentación de Nadal.

Festas Pre-Fin de ano

Redondela despide o ano por partida tripla con dúas festas para o público mozo e adulto e outras dúas para nenos e nenas.

Na noite do 29 de decembro haberá festa Pre Fin de Ano por primeira vez en Chapela coa orquestra Olympus no paseo marítimo a partires das 22.00 horas. O 30 de decembro será a quenda de París de Noia cun concerto no campo da feira de Redondela ás 22.00 horas.

A Praza da Constitución en Redondela será escenario, o domingo 31 de decembro, da Festa Infantil de Fin de Ano, actividade chea de música, xogos e actividades para que a rapazada poida despedir o 2023. Será en horario de 11 e 13 horas coa Coca Simona. No mesmo horario e a mesma hora será a de Chapela, na alameda Rosalía de Castro. Non faltarán as badaladas e as uvas para dar a benvida, por adiantado, ao 2024.