Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela presenta unha Programación Cultural de Verán “para encher novamente as nosas prazas e rúas de Cultura”

concello de redondela
27-06-2022
0
Redondela presenta unha Programación Cultural de Verán “para encher novamente as nosas prazas e rúas de Cultura”

As actividades inícianse este vindeiro 28 de xuño e alongaranse ata o 10 de setembro “mantendo a aposta por achegar á cultura as parroquias”

Redondela, 23 de xuño de 2022

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e a concelleira de Cultura, Iria Vilaboa, presentaron na mañá de hoxe, na casa do Concello, a Programación Cultural de Verán que ten como obxectivo “encher novamente as nosas prazas e rúas de Cultura”.

Tal e como explicou a rexedora local, o programa elaborado polo departamento que dirixe Iria Vilaboa “é tan extenso coma variado”, cun total de 41 eventos nos que se conxugan artistas e grupos locais cos procedentes doutros puntos de Galicia. Nese sentido, Rivas subliñou que o Goberno socialista que preside “segue a manter a súa aposta pola cultura local e polos nosos artistas”.

O Día de Galicia, terá un marcado protagonismo dentro do programa de verán alongando a súa celebración, tal e como fixera xa o pasado ano, a dous días –24 e 25 de xullo– cun programa que se dará a coñecer polo miúdo a medida que se aproximen as datas pero “que cotará coa participación de Susana Seivane e Xisco Feijóo”. Xa o día 27 e patrocinado polo Xacobeo, Mclan ofrecerá un concerto en Redondela.

Sobre este concerto de MClan, quixo Digna Rivas chamar a atención sobre o feito “que pese a chegar da man do Xacobeo, as veciñas e veciños que queiran asistir terán que pagar unha entrada de 8 euros mentres que outros concertos tamén do Xacobeo, como o caso do de Tanxugueiras en Mos, era totalmente de balde. A Xunta segue a distinguir entre 'concellos amigos' e o resto”, afirmou.

A alcaldesa redondelá insistiu na importancia que ten “levar a cultura ás parroquias” e, nesa liña, o programa conta con concertos no Campo de San Pedro, Festival Folk Illa de San Simón, na praia de Cesantes e actividades a celebrar no torreiro de Reboreda, na finca do Carballo das Cen Pólas, na Miñoteira e en Cedeira.

“Chapela, esa gran esquecida polo anterior goberno conservador, terá un amplo programa de actividades”, asegurou a alcaldesa. Serán 10 en total e que se distribuirán entre a Alameda Rosalía Castro e o Paseo Marítimo. Efémeras, Rondalla de Redondela, Susana Seivane ou a Orquestra Noite de Estrelas serán, entre outras, as actuacións que pasen por Chapela que, neste 2022 “recupera o seu tradicional Berete Rock, que se celebrará o 6 de agosto organizado polo Concello de Redondela e a Asociación Berete Rock”, apuntou Digna Rivas.

Mentres, en Redondela, a veciñanza poderá gozar dos concertos de Miguel Costas –ex Siniestro Total– o 16 de xullo, o concerto de Xisco Feijóo o 25 de xullo e, xa en agosto “recupérase o Festival de Artistas de Rúa –5 e 6 de agosto– e volverá o Entroido de Verán, na súa vixésimo terceira edición.

A preguntas dos xornalistas sobre este recuperado Entroido de Verán a alcaldesa subliñou “que se fará, máis adiante, unha presentación específica do evento” aínda que adiantou que xa hai dúas actuacións confirmadas “a de Heredeiros da Crus –que chega da man da Deputación de Pontevedra– e De Vacas, ámbalas dúas cun claro e marcado acento galego”.

A presenza de De Vacas no programa deu pé á Digna Rivas a recalcar “a importante presenza da muller nesta programación, como xa ven sendo habitual en todos os programas que organiza o Concello” e puxo como exemplo “a participación de De Vacas, Susana Seivane, Sheyla Patricia, Sofia Espiñeira e as Girl's Gang, o que non fai máis que reafirmar a aposta deste Goberno pola igualdade”, insistiu a rexedora local.