Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello de Redondela propón á Xunta melloras no proxecto de humanización da avenida Mendiño

Concello de Redondela
05-12-2023
0
O Concello de Redondela propón á Xunta melloras no proxecto de humanización da avenida Mendiño

O obxectivo destes cambios é “axustar o proxecto ás necesidades reais da poboación de Redondela, tendo en conta as propostas da veciñanza e partidos políticos”, explica a alcaldesa Digna Rivas. Entre as propostas inclúense novas beirarrúas con pavimento de pedra ata o peirado de Cesantes, máis zonas verdes e carril bici. O Concello de Redondela remitiulle á Xunta de Galicia unha memoria con varias modificacións para a nova avenida Mendiño. O obxectivo destes cambios é o de “axustar o proxecto ás necesidades reais da poboación de Redondela”, segundo explica a alcaldesa Digna Rivas. Con estas modificacións “o cidadán é o protagonista deste entorno urbano ao entender o espazo público como un lugar de convivencia”.

O proxecto servirá para reordenar a estrada e mellorar a seguridade viaria da avenida (PO-363), un tramo urbano que pertence á rede secundaria da Xunta de Galicia . A avenida Mendiño ten aproximadamente 1 quilómetro de lonxitude, e conecta o núcleo urbano con zonas de servizo de gran afluencia como o centro de saúde, colexios, institutos, instalacións deportivas e áreas de recreo. Tamém é o principal acceso á praia de Cesantes. A avenida conta cunha elevada intensidade de tráfico e circulación de peóns, especialmente nos horarios de entrada e saída dos centros educativos. Na zona rexístranse importantes retencións has horas punta e inseguridade no paso de peóns.

O Concello propón diferentes solucións para mellorar a seguridade viaria da zona e reordenar o espazo en superficie. As propostas céntranse en dous aspectos principais: por unha banda , a mellora das interseccións existentes e, por outra, a reordenación dos tramos para mellora a mobilidade e seguridade dos peóns, reordenando zonas de circulación e aparcamento. O concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, explica que pretenden “acentuar o carácter humanizado da vía, con protagonismo do cidadán sobre o vehículo e con solucións aos problemas de tráfico cunha visión máis humanizada”.

Entre as melloras que contempla o proxecto están as novas beirarrúas con pavimento de pedra ata o porto de Cesantes. O Concello demanda ademais un novo estudo do tramo viario que permita manter o arborado, así como a incorporación de novas zonas verdes “para crear un ambiente o máis amigable posible con corredores verdes”. O goberno local propón a creación dun carril bici “para fomentar unha mobilidade sostible”.

Coa elaboración desta memoria o Concello redondelán cumpre así co compromiso adquirido por Digna Rivas na reunión celebrada o pasado mes de novembro coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, na que lle trasladaron as demandas da veciñanza e formacións políticas. Rivas lembra que a Xunta anunciou en 2019 a humanización desta avda Mendiño “sen que ata o de agora se puxeran en marcha os traballos”. No Concello son agora “moderadamente optimistas” dado o interese mostrado por parte da conselleira “malia que advertiu que os investimentos estarán condicionados polos fondos europeos NextGeneration”.