Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela exporta o proxecto A Memoria da Estirpe a toda Galicia

Concello de Redondela
15-12-2023
0
Redondela exporta o proxecto  A Memoria da Estirpe a toda Galicia

O proxecto A memoria da Estirpe, que ten por obxectivo recompilar testemuños orais e lembranzas das persoas maiores, naceu da man do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela, e agora vaise trasladar a outros municipios de Galicia. O programa recompila testemuños orais e lembranzas das persoas maiores para a recuperación do patrimonio lingüístico, etnográfico, visual, musical e topográfico de Galicia. A partires do traballo feito no municipio redondelán, a A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, impulsará este proxecto noutros Concellos galegos. A través da empresa Mekané Didáctica desenvolverase en dous centros de día para maiores unha proba piloto. Será no Centro de día para persoas maiores Hispanidade, en Vigo, e o centro O Salgueiral, do Barco de Valdeorras.

O proxecto presentouse este medía aos usuarios do centro vigués nun acto no que participaron Pedro López Cadilla, director do centro Hispanidade, Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística, Antonio Acevedo Prado, director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Xurxo Martínez, técnico do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Redondela e a alcaldesa Digna Rivas Gómez.

A rexedora manifestou a súa satisfacción “porque unha proposta creada e impulsada dende o noso Servizo de Normalización poida chegar a toda Galicia”. Rivas explicou que o proxecto naceu “poñendo a atención en dúas cuestións: a recollida e posta en valor dun patrimonio vivo nas persoas maiores, como unha parte do noso patrimonio inmaterial, pero tamén o noso propio recoñecemento a estas persoas tras vida de traballo cheas de tanta experiencia”. Xurxo Martínez sinalou que “os verdadeiros protagonistas desta iniciativa son as persoas maiores, as súas historias e vivencias”. O obxectivo é que todas esas historias poidan compartilas, a partir das gravacións, con todas as persoas que desexen coñecer ese importante legado “e facer un retrato colectivo dunha época do século XX.”

En Redondela o proxecto comezou hai dous anos no centro de Día de Cesantes e este ano nos Cortizos. A avaliación por parte de todos os participantes, traballadoras, centros e familias foi moi positiva. Destacar tamén, por exemplo que se gravou “a un dos últimos carpinteiros de ribeira da ría de Vigo, que tiña o estaleiro en Cesantes, ou tantas mulleres que nos relataron a vida familiar en contextos de desigualdade e que nos serven para decatarnos dos progresos en materia de igualdade de xénero que se lograron”, sinala a alcaldesa. Digna Rivas aproveitou tamén para explicar que o Concello de Redondela creará un fondo local de patrimonio inmaterial, a partir de todo este material recollido nos centros de día e residencias de Redondela, para facilitar a consulta a quen quixer. “Temos que mirar o deseño de como o faremos pero si quero anunciar que proporemos que este arquivo leve o nome de Dorothé Schubarth en homenaxe a esta muller e como exemplo”, afirmou a rexedora redondelá. Agradeceu que a iniciativa “fose acollida dende o principio con total entusiasmo” e agradeceu a Valentín García o feito de ter levado adiante esta idea “que estou segura que se converterá nun exemplo non só para Galicia senón para calquera país que desexe protexer a memoria da súa cultura”.