Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O equipo técnico do PXOM manterá reunións informativas cos veciños en todas as parroquias nos meses de abril e maio

Concello de Redondela
22-03-2024
0
O equipo técnico do PXOM manterá reunións informativas cos veciños en todas as parroquias nos meses de abril e maio

Tal e como se comprometeu o goberno de Digna Rivas, o equipo técnico que elaborou o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Redondela realizará reunións informativas en todas as parroquias para dar a coñecer o planeamento urbanístico a toda a veciñanza. Hoxe mércores publicouse no DOG a aprobación inicial do PXOM, e desde mañá, dia 21, queda exposto ao público e ábrese o período de alegacións. O prazo que establece a normativa é de dous meses, pero o goberno redondelán decidiu amplialo ata os tres meses “para favorecer que toda a veciñanza teña tempo de estudalo, saber como lle vai afectar e poida facer as alegacións que estime oportunas”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

Desde mañá e durante tres meses a cidadanía terá á súa disposición aos técnicos nas dependencias municipais para explicarlles todo o relativo ao PXOM e asesoralos. Este servizo estará dispoñible todos os días de luns a venres de 8:30 a 14:30 horas na Oficina de Turismo, na rúa Isidoro Queimaliños.

Reunións informativas nas parroquias en abril e maio

Tal como se comprometeu a alcaldesa Digna Rivas faranse reunións informativas en todas as parroquias co equipo técnico redactor do plan “para resolver dúbidas e atender as inquedanzas da cidadanía”. Realizaranse nos meses de abril e maio, en datas xa acordadas cos propios centros parroquiais para facilitar a asistencia da veciñanza. En todos os casos as xuntanzas realizaranse en horario de 17.00 a 19.00 horas.

A primeira das reunións será o martes 9 de abril no Centro Cultural de Saxamonde e o mércores 10 de abril en Quintela; o luns 15 de abril a xuntanza será en San Estevo de Negros, o martes 16 de abril en Cabeiro e o mércores 17 de abril en Vilar. O luns 22 de abril será a reunión no Viso, o martes 23 en Ventosela e o mércores 24 en Reboreda.

No mes de maio as reunións serán o luns día 6 en Cesantes, o martes 7 en Trasmañó, e o mércores 8 en Cedeira. No Multiúsos do Piñeiral de Chapela será o martes 21 de maio e no Multiúsos da Xunqueira o mércores 22.