Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

O Concello recuperará o Peto de Ánimas de Santo André e o cruceiro de Juan de Joubea cunha subvención da Deputación de Pontevedra

Concello de Redondela
21-12-2021
0
O Concello recuperará o Peto de Ánimas de Santo André e o cruceiro de Juan de Joubea cunha subvención da Deputación de Pontevedra

Os traballos, cun investimento de 28.985,88 €, dan continuidade á recuperación patrimonial da contorna da Fonte da Raíña, xa rehabilitada no 2020

O Concello de Redondela recuperará, cunha subvención da Deputación de Pontevedra, dous destacados elementos patrimoniais, o Peto de Ánimas de Santo André e o cruceiro de Juan de Joubea, na parroquia de Cedeira, actuación que da continuidade á posta en valor da contorna da Fonte da Raíña rehabilitada no pasado ano 2020.

Os tres elementos están situados preto do Camiño Portugués pola Costa, ruta xacobea que nos últimos anos experimentou un espectacular crecemento, polo que a súa posta en valor “supón un magnífico escaparate do potencial que Redondela posúe en patrimonio e cultura” afirmou a alcaldesa Digna Rivas.

No peto de ánimas e no cruceiro de Juan de Joubea observáronse unha serie de patoloxías que afectan ao material principal de construción (pedra natural de tipo silvestre) e aos elementos metálicos que a compoñen. Ambos elementos teñen patoloxías similares como a presenza de liques e outros outros organismos vexetais que deterioran o conxunto.

As actuacións previstas inclúen, en primeiro lugar, a limpeza de todos os elementos de pedra que compoñen os dous elementos segundo as instrucións da peritaxe previa. Posteriormente se encintarán as xuntas entre pezas con morteiros de restauración hidráulicos, naturais e con base de cal, de ton mimético ao da pedra natural da zona de orixe, mediante adición de pigmentos naturais inorgánicos. Os encintados existentes de morteiro de cemento retiraranse para substituílos por dito morteiro tradicional de cal.

Doutra banda, procederase á restauración das pezas de pedra que se atopan rotas ou con fragmentos desprendidos de ser o caso, empregando morteiros de resinas específicos con carga mineral ou morteiros de cal hidráulic.

Unha vez limpa e restaurada a pedra, aplicarase un tratamento superficial co fin de minimizar a colonización de microorganismos durante uns anos. Tanto este coma outros tratamentos posibles avaliaranse co informe do perito experto en pedra natural. Todos os traballos realizaranse por persoal especializado baixo supervisión de restaurador/conservador titulado.

A protección e posta en valor do patrimonio artístico e cultural de Redondela foi, dende á chegada ao Concello do actual Goberno, unha das prioridades en materia cultural e, nesa liña, sitúanse os traballos realizados pola Concellería de Patrimonio que dirixe María Castro, na recuperación do cemierio dos Eidos ou a antedita rehabilitación da Fonte da Raíña.