Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Volve «Redondela Xoven» un amplo programa de actividades de verán para a mocidade redondelá

Concello de Redondela
14-04-2023
0
Volve «Redondela Xoven» un amplo programa de actividades de verán para a mocidade redondelá

Obradoiros de Grafiti e de Fotografía Analóxica serán as dúas primeiras actividades que ofreza este programa dirixido aos mozos e mozas con idades comprendidas entre os 13 e 18 anos “os grandes esquecidos ata a chegada deste Goberno” O Concello de Redondela anuncia a apertura dun novo espazo no Multiusos da Xunqueira dedicado á mocidade. Estrearase co inicio do programa Redondela Xoven 2023 e estará ubicado nunha das zonas máis utilizadas polos máis novos. O espazo servirá para a xuntanza libre, pero tamén para a organización de obradoiros de balde por parte do Concello.

“Ata a chegada do Goberno socialista ao Concello de Redondela, os mozos e mozas con idades comprendidas entre os 13 e 18 anos, foron os grandes esquecidos. Ademais de ofrecer actividades enfocadas á mocidade, tamén queremos ofrecerlles un espazo novo para a súa vida social. Alí poderán xuntarse de forma libre ou participar nas actividades que iremos anunciando ao longo dos próximos meses”, afirmou hoxe a alcaldesa Digna Rivas na presentación das primeiras actividades do Verán 2023 que se desenvolven dentro do programa «Redondela Xoven».

A primeira das actividades do programa será o Obradoiro de Grafiti, que terá lugar o venres 28 de abril e venres 5 de maio, en horario de 19h a 21h. A actividade é totalmente de balde e necesita inscrición previa no Multiusos da Xunqueira, de forma presencial ou chamando ao 986 40 28 65. “Durante a actividade os e as participantes poderán traballar nun mural coa artista redondelá Paula Amoedo que decorará o novo espazo dedicado á xuventude no Multiusos da Xunqueira. Esta é unha forma de ofrecerlles a sala permitíndolles participar na súa mellora de forma activa, para que sintan que é deles e delas e formen un recordo que dará inicio a moitos momentos de lecer e cultura no lugar sinalado”, explicaba Rivas.

Os obradoiros de Fotografía Anlaóxica será a segunda das iniciativas dentro do programa «Redondela Xoven» 2023. Terá lugar no novo espazo do Multiusos da Xunqueira o sábado 29 de abril e o sábado 6 de maio de 19h a 21h. Neste caso os obradoiros tamén son de balde e precisarán de inscrición previa no Multiusos da Xunqueira, de forma presencial ou chamando ao 986 40 28 65. Estas dúas actividades terán continuidade, xa que o 29 de abril estará enfocada a introducción á fotografía analóxica e o 6 de maio ao revelado en Branco e Negro. Este obradoiro estará impartido por Noemi Parga Iglesias fotógrafa viguesa e docente da escola Aula D de deseño en Vigo.

A alcaldesa redondelá asegurou que “ao longo do verán, «Redondela Xoven» terá máis sorpresas” ao mesmo tempo que anunciaba que a mediados de agosto celebrarase O Día da Xuventude que contará con programa propio de actividades que será presentado a medida que se achegue a data.