Novas

Usamos cookies co obxectivo de mellorar a experiencia das persoas que nos visitan. Entra na páxina de Política de privacidade para coñecer máis detalles.

Redondela comeza as obras de remodelación do Campito de Chapela

Concello de Redondela
12-12-2022
0
Redondela comeza as obras de remodelación do Campito de Chapela

O Concello de Redondela comeza as obras, cun investimento de 287.507,36 €, para a mellora do espazo deportivo en Chapela despois do Nadal. Trátase, concretamente, do espazo coñecido como O Campito, unha zona moi utilizada pola infancia e mocidade da parroquia e que se atopaba en condicións bastante deficientes. Precisamente, lembra a alcaldesa Digna Rivas, a mellora do campito era unha das propostas que trasladou ao Concello o Pleno do Consello da Infancia e a Adolescencia.

De feito, o Concello renovou o contrato de alugamento que tiña sobre dito espazo deportivo –que remataba en maio deste ano– por outros trece anos de cara a poder realizar todos os traballos de mellora programados.

“Tralo Pleno do Consello da Infancia e a Adolescencia –explica a rexedora local– mozas e mozos transmitíronnos non só a necesidade de remodelar e mellorar o campito, senón que tamén puxeron sobre a mesa algunhas ideas moi interesantes para esa reforma e que agora se trasladarán á realidade”. Nese sentido, a alcaldesa redondelá gabou o traballo do Consello da Infancia e a Adolescencia “absoluta e decididamente implicados no traballo para facer chegar ao Goberno local todas cantas ideas poidan ser beneficiosas e útiles para a mocidade redondelá” e puxo como exemplo as propostas que con anterioridade fixeran sobre o skatepark de Redondela ou o espazo deportivo do antiga estación de Chapela.

Esto súmase as obras da Alameda Rosalía de Castro de Chapela, traballos que “permitirán a remodelación e mellora dun espazo céntrico amplamente utilizado pola veciñanza”, afirma a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas. Lembra a alcaldesa de Redondela que lugares como o antigo apeadoiro de ferrocarril e a propia vía férrea pasaron de ser “lugares infrautilizados e cun impacto visual negativo, a espazos de ocio para a cidadanía transformándose nunha Vía Verde que, a día de hoxe, é un dos puntos clave para o desfrute das veciñas e veciños”.

Descrición pormenorizada do proxecto

A área destinada á intervención conta cunha superficie de actuación aproximada de 1.150 m² e comprende a zona  deportiva situada ao norte da Alameda de Rosalía de Castro.  A trama urbana está definida pola situación da vía férrea e a estrada PO-323 (Avenida de Vigo), que discorren  paralelas e xeran un espazo entre elas no que se sitúa o proxecto. Ademais, é importante a Avenida José Fernández López que une a Alameda coa zona deportiva e ten unha gran carga de tráfico pesado. Ao suroeste da actuación existe un aparcamento ao aire libre que dá servizo á zona.

A zona deportiva mellorarase xerando un acceso mediante unha escaleira con bancada desde o lugar máis próximo á Alameda de Rosalía de Castro conéctase o espazo deportivo co resto da intervención, producindo un acceso directo tanto desde a propia Alameda como para os fluxos provenientes do sur e do oeste (pasarela sobre as vías do tren). Ao norte inclúese unha rampla que mellora a accesibilidade do espazo.

Unha zona verde vén resolver o salto de cota entre a Avenida José Fernández López e a esplanada existente, introducindo vexetación no ámbito. Tamén se proxecta unha zona verde baixo a pasarela, creando un pano de fondo para as pistas deportivas. Bancos e xardíns con céspede e flores delimitan e achegan vexetación á contorna.  Establécese un camiño crebado e lonxitudinal que cose o espazo partindo do norte da parcela e desembocando  no aparcamento, este paso delimita a zona de pistas deportivas e a zona de estancia. Na parte norte do camiño, acompañando á zona verde introdúcese un espazo con pérgola cuberto parcialmente para  protexer aos usuarios das inclemencias do tempo.

O muro de pedra existente ao sur das pistas se rejunta e limpa ademais de ser acompañado dunha estrutura de reixa electrosoldada co obxectivo de crear un fondo verde e ademais crear un fito visual, unha referencia. Remátase esa fronte cunha bancada de pedra.

Na zona destinada a pistas deportivas renóvanse os valados e insere unha bancada lonxitudinal ao oeste, servindo de separación da vía férrea e espazo de observación dos acontecementos que acolla o recinto.

Inclúese unha nova instalación de iluminación deportiva adecuada ao uso. Respecto a a evacuación de augas pluviais, renóvase a instalación mellorando o seu funcionamento.

Digna Rivas amosou a importancia dunhas obras que “como todas as que estamos a realizar e levamos realizadas, van máis aló que simples lavados de cara e buscan a transformación dos espazos para o seu desfrute por parte da cidadanía e a mellora da súa calidade de vida”.